Carmela Silva recibe á Teresa Abelleira, futbolista campiona de Europa Sub 19

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á deputada de Deportes Chelo Besada, recibiu e agasallou no Pazo Provincial á futbolista Teresa Abelleira, campioa de Europa Sub-19. A pontevedresa vén de acadar a medalla de oro nun torneo no que foi unha das pezas claves da selección española.

Durante o acto Carmela Silva recoñeceu sentirse “honradísima de poder recibir a Teresa Abelleira, unha gran deportista que dará moitas alegrías ao deporte pontevedrés” e subliñou que “a pontevedresa é unha futbolista extraordinaria e amais unha persoa marabillosa, algo moi importante xa que, coma exemplo que é para moitas rapazas e rapaces deportistas, ten moito valor que sexa unha persoa tan amable, humilde e simpática”.

CarmelaSilva TeresaAbelleira 03

A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén afirmou que “o mundo está cambiando e non imos parar ata que consigamos a igualdade en todos os eidos. Un deles no que aínda temos moito que avanzar é no mundo do deporte, onde as mulleres chegaron á elite fai moi pouco tempo e en cambio xa están a acadar multitude de éxitos”.

Na mesma liña, Teresa Abelleira valorou moi positivamente a recepción xa que “este tipo de actos axudan a que o deporte feminino poida seguir medrando” e engadiu que “aínda que queda moito por cambiar si que é certo que cada día temos máis apoios e máis repercusión”.

CarmelaSilva TeresaAbelleira 04

A recente campioa de Europa tamén sinalou que “tanto en fútbol como en outros deportes cada vez hai máis referentes femininos e iso é unha grande axuda para todas as rapazas que comezan a facer deporte. Espero que siga sendo así e Pontevedra siga apostando polo deporte feminino para que así poidan seguir saíndo grandes deportistas”.

CarmelaSilva TeresaAbelleira 01

Durante a súa intervención, Carmela Silva puxo en valor o logrado por Teresa Abelleira neste Campionato de Europeo, onde a pontevedresa meteu o gol de semifinais que acabou clasificando a España para a final, onde derrotaron a Alemaña. Amais, explicou que “Teresa Abelleira xoga actualmente nun equipo que está apostando polo fútbol feminino como o Deportivo e isto é algo que quero poñer en valor.” Neste senso, Carmela Silva aproveitou a ocasión para “facer un chamamento a todos os equipo de Primeira e Segunda División que aínda non teñen equipo feminino para que aposten por elas, é unha cuestión de vontade e teñen que entender que o mundo está a cambiar. Hai que apostar polo deporte feminino, que soamente da alegrías”.

Para rematar o acto de recoñecemento Teresa Abelleira asinou dous balóns de fútbol que serán utilizados como premios en importantes iniciativas da institución provincial.