Logo
Imprimir esta página

Carmela Silva asina un convenio con «Ódega» para o fomento da produción de castaña

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do alcalde das Neves, asinou o convenio de colaboración coa Asociación de Desenvolvemento Rural Ódega para o fomento da produción de castaña na provincia de Pontevedra que este ano, sobre todo, estará centrado no concello do Condado tras a vaga de lumes que converteu o municipio na zona cero da catástrofe do pasado outubro.

En total, a institución provincial vai achegar 35.000 € a través dos cales se porá en marcha un proxecto piloto e un programa formativo a través do cal se darán a coñecer as posibilidades da produción, cultivo e comercialización da castaña en terreos agroforestais da provincia de Pontevedra durante o último semestre do 2018.

Máis polo miúdo, o convenio porá en marcha unha experiencia piloto que consistirá no establecemento dunha parcela demostrativa para o cultivo da castaña no concello de As Neves, que terá unha superficie de unha hectárea de cultivo e que estará executada no mes de decembro. Ademais, proponse un deseño de plantación e un manexo da mesma que servirá como modelo piloto para a súa replicación a escala produtiva en toda a provincia de Pontevedra.

A Presidenta da institución provincial explicou que este ano a acción centrase en As Neves, “un concello moi afectado polos incendios e que está a traballar para crear un proxecto de desenvolvemento rural que permita fixar á poboación no territorio, desenvolver proxectos sostibles medioambientalmente ecolóxicos e polo tanto salvagardar unha zona tan importante”, informou.

Neste senso, o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, manifestou que esta sinatura por parte da Deputación significa “unha clara manifestación de vontade nun aspecto de recuperación medioambiental nunha determinada área, ademais de establecer un mecanismo de valoración do chan de tal maneira que a recuperación ambiental signifique tamén unha recuperación económica para o entorno”. Ademais, Rodríguez Méndez aproveitou para agradecer á institución provincial e aos partícipes neste proceso por contar co concello de As Neves.

Xunto a esta experiencia piloto, a través do convenio entre a Deputación de Pontevedra e a Asociación de Desenvolvemento Rural Ódega vanse realizar unha serie de accións de formación dirixidas a propietarios forestais, comunidades de montes veciñais en man común e cooperativas agrarias da provincia sobre as posibilidades de produción, cultivo e comercialización da castaña como alternativa de aproveitamento en terreos agroforestais. Estas formacións, que se levarán a cabo en As Neves e en dous concellos da comarca Condado-Paradanta, incluirán aspectos como o uso de planta resistente á enfermidade da tinta do castiñeiro, poda e manexo das plantacións de castiñeiro, produción ecolóxica e aspectos legais das plantacións; nocións sobre plantacións de castiñeiro orientadas a froito, a madeira e mixtas, así como nocións sobre enxertos, portaenxertos, variedades autóctonas de castaña e produtores híbridos; manexo fitosanitario das plantacións de castiñeiro de froito: identificación de patoloxías, medidas culturais e preventivas e de loita química e biolóxica e comercialización e modelos cooperativos e de agrupación de propietarios para a produción e venda agrupada de castaña de calidade.

Carmela Silva puxo de manifesto a súa satisfacción pola sinatura deste convenio “xa que os montes son unha riqueza extraordinaria da nosa provincia e estamos obrigados a desenvolver proxectos que permitan cambiar os seus usos e facer que estes sexan produtivos, é fundamental pasar da produción de eucaliptos á produción de arbores que dan froitos e que, consecuentemente, permitan o desenvolvemento económico”. Ademais, a Presidenta da Deputación engadiu que “cada ano estamos máis preocupados cando se achega o verán pola posibilidade de incendios que se deben, entre outras causas, a que non hai política forestal nin política de produción a nivel agroforestal”. Silva tamén sinalou que con este tipo de accións “estamos poñendo os cimentos para que a castaña se converta nun produto de excelencia e nos permita desenvolver o rural dende o punto de vista económico”. A Presidenta da institución provincial tamén fixo un chamamento á Xunta de Galicia ao considerar “que non lle dedica a este produto os recursos e os proxectos que merece”.

Carmela Silva quixo poñer en valor este froito seco, achegando datos económicos. Así, a Presidenta da Deputación de Pontevedra destacou que “Galicia e a rexión líder en produción de castaña con preto de 38.000 hectáreas en produción, que xeran 25000 toneladas ao ano deste froito e un valor de 40 millóns de euros en fresco”. Tamén afirmou Silva que “aproximadamente 10.000 persoas galegas venden castañas e o 90% da súa produción vai a mercados exteriores, de feito mais de 60 países do mundo comen castaña galega”.

Pola súa banda, o secretario xeral da Asociación de Desenvolvemento Rural Ódega, Miguel Soto Albores, declarou que este proxecto supón “unha alternativa económica e a recuperación desas zonas con castiñeiro, pero para froito”. Soto Albores tamén destacou a utilización de planta híbrida, “o que permitiría poder rexenerar, evitar o problema da tinta e ter froitos cunha economía sostible”.

O convenio tamén contempla o desenvolvemento de xornadas divulgativas e mesas redondas no concello de Silleda sobre o cultivo do castiñeiro e a produción de castaña, que incorporarán ponencias e a presenza de expertos e profesionais relevantes do sector da castaña. Este é o segundo ano que a Deputación de Pontevedra asina un convenio con Ódega para o fomento e produción deste froito seco, o ano pasado destinouse a este proxecto un total de 30.000 euros.

© 2015 Comarcasnarede.es Todos los derechos reservados