O futuro do territorio da «raia» a debate no «I Forum Río Miño Transfronteirizo»

A sede da AECT Río Miño (Agrupación Europea de Cooperación Territorial) en Valença, acolleu hoxe a presentación do I Fórum Río Miño Transfronteirizo, que se desenvolverá Escola Superior de Ciências Empresariais da cidade fonteiriza portuguesa o vindeiro 21 de xuño. O Fórum é un paso "de extraordinaria importancia dentro da elaboración da «Estratexia de Cooperación Intelixente do Río Miño Transfronteirizo»" sinalou Uxío Benitez, presidente da AECT Río Miño que estaba acompañado polo presidente da Câmara Municipal de Valença, Jorge Mendes e o director da Fundación Centro de Estudos Euro Rexionais (FCEER) Valerià Paül Carril.

Era o presidente da Câmara Municipal de Valença, Jorge Mendes, o encargado de abrir este acto de presentación do Forum, sinalando a importancia do mesmo xa que, sinalaba, logo da constitución da AECT, “ábrese un proceso de apertura á sociedade civil de cara a establecer que é o que queremos para este espazo común do Miño transfronteirizo”.
Subliñaba Mendes, a importancia de que a sociedade “participe neste estudo que é fundamental para a implementación das estratexias de cooperación intelixente da contorna do río Miño”.

Uxío Benítez, director da AECT Río Miño, facía especial fincapé que o Forum que se estaba a presentar, non era “o fin en si mesmo”, senón que o fin “era algo moitísimo máis importante como é o desenvolvemento dunha estratexia de cooperación intelixente do Miño Transfronteirizo”.

Benitez cualificaba de “feito histórico” a realización dun estudo estratéxico dunha zona transfronteiriza. Nese sentido, o director da AECT, chamaba a atención sobre os moitos estudos estratéxicos que se teñen feito “tomando o Miño como límite” e como tal límite, “os galegos facíamos estudos estratéxicos por un lado e os portugueses o facían por outro”. Esta é, polo tanto, a primeira vez que se fai un estudo estratéxico tendo en conta que o que vertebra este territorio é o río Miño” e como tal columna vertebral dun territorio, “pode xerar unha cantidade de oportunidades importantes”.

Para desenvolver a estratexia de cooperación intelixente á que facía referencia Uxío Benítez, tanto dende a Deputación como dende a CIM Alto Minho e agora dende a AECT, buscouse “ir da man de persoas cualificadas que impulsasen este documento” ou en palabras do propio Benítez, “dende onde está a sede do coñecemento”, polo que buscouse a colaboración da fundación FCEER, (Fundación Centro de Estudos Rexionais), organismo no que están agrupadas seis universidades da Eurorrexión, tres universidades galegas e tres universidades portuguesas, que “coa súa visión transfronteiriza están facendo un traballo científico importante á hora de facer un diagnóstico do noso territorio”, asegurou Uxío Benítez.

forum minho rolda prensa 01

“O río Miño é o río que nos une e non que nos separa, é un fenómeno natural que vertebra un territorio común, con potencialidades comúns”, expuxo o director da AECT.

Benitez adiantou que o que se buscaba o «I Fórum do Río Miño Transfronteirizo» do vindeiro día 21, era “dar voz a todos aqueles representantes do tecido social, a todos os representantes de asociacións a nivel sectorial, empresarial, veciñal e cultural” polo que facía un chamamento á participación xa que do que se trataba é de “escoitar propostas, escoitar ideas, escoitar impresións e análises emanados dende a sociedade civil”.

O Fórum é, polo tanto, un punto de partida no que o equipo científico presentará o seu diagnóstico pero que precisa “contar coa sociedade, co tecido social do territorio para que faga as súas achegas e poder ter unha estratexia participada, pensada de abaixo cara arriba e que poida ser, polo tanto, exitosa porque conta coas inquedanzas, ideas e vontades da sociedade civil”, dixo Uxío Benítez.

Concluía a súa intervención o director da AECT Río Miño, recalcando unha vez máis, a relevancia historica do documento "por ser o primeiro estudo estratéxico pensado nun horizonte transfronteirizo” e, sobre todo, a importancia dun documento que “nos ten que dar unha visión dos proxectos que este territorio necesita nos próximos dez anos”.

“Esa estratexia de cooperación intelixente ten que ser o documento que nos abra as portas aos fondos comunitarios no escenario dos 2020” e para que iso sexa posible, rematou Uxío Benítez, “temos que contar cun estudo estratéxico realizado co río Miño como eixo vertebrador e coa participación da sociedade civil, para que poidamos ter éxito á hora de conseguir os fondos europeos nos próximos escenarios”.

Equipa científica
Unha prestixiosa equipa de científicos e científicas vinculados son os e as encargadas de realizar “o primeiro estudo en profundidade sobre as fortalezas, debilidades e complementariedades do territorio conxunto galego e portugués con vistas ao deseño do desenvolvemento estratéxico que permita poñer en valor os seus recursos comúns”.

O comité de expertos e expertas estará formado por nomes tan relevantes como o do catedrático Rubén C. Lois (da Universidade de Santiago de Compostela), o catedrático José Rio Fernandes (da Universidade do Porto), o profesor Francisco Carballo Cruz (da Universidade do Minho) , o profesor Xavier Martínez Cobas (da Universidade de Vigo), a profesora e experta Sandrina Antunes (da Universidade do Minho), ou o profesor Anxo Calvo (da Universidade da Coruña).

Aberto o prazo de inscricións
As inscricións son de balde e pódense cursar a través da páxina web www.smartminho.eu ou nesta ligazón, ata o vindeiro 20 de xuño.