Carmela Silva amosa o seu "absoluto rexeitamento e indignación" ante a masacre de Gaza

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participou esta mañá na concentración de condena e repulsa polo ataque perpetrado onte por Israel na franxa de Gaza, onde foron asasinadas 59 persoas e máis de 2.400 persoas feridas, na que amosou o seu “absoluto rexeitamento, indignación e enfado fronte a esta masacre, porque non se lle pode chamar doutra forma”. Silva asegurou que o que está a acontecer en Gaza “non ten cualificativo posible, é absolutamente vergonzoso e non se pode estar en silencio".

"O silencio ─sinalou a presidenta da Deputación─ é cómplice deste tipo de comportamentos e o que está a acontecer co pobo palestino ten que levantar a todo o mundo”.

A presidenta provincial lamentou o comunicado do goberno de Mariano Rajoy que chamou á contención a ambas partes. “Hoxe teño que dicir que o goberno de España non me representa con estas declaracións. Estes días atrás coñecíamos que desde Israel estaban a disparar aos xeonllos da xente para que quedara inválida... así que ¿como que contención?. Hai que esixir a Israel que pare xa esta masacre intolerable”.

Silva instou ao Goberno de España e de Galicia a “que se poña do lado das persoas débiles, dos e das que están sendo asasinados e asasinadas, porque ás cousas hai que chamalas polo seu nome”. Desde esta mañá as bandeiras do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra ondean a media hasta.