Xornada «Infancia e Adolescencia: unha cara oculta da violencia de xénero»

Este luns abriuse o prazo de inscrición para participar na xornada «Infancia e adolescencia: unha cara oculta da violencia de xénero», organizada pola Deputación, Concello de Pontevedra e Universidade de Vigo, e enmarcada na Escola de Igualdade María Vinyals.

Será coordinada pola profesora María M. Álvarez Lires e forma parte do convenio de colaboración asinado entre a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo a través do cal se acordou impulsar actividades que representen unha mellora para a sociedade, entre as que se sitúa a promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a loita contra as violencias machistas.

Deste xeito, a xornada que terá lugar o vindeiro 26 de maio ao longo da mañá e da tarde no Pazo da Cultura de Pontevedra, afondará na problemática das violencias machistas, un problema que afecta non soamente á muller senón tamén ás nenas e nenos que a presencian. Por estes motivos, a través de «Infancia e adolescencia: unha cara oculta da violencia de xénero» vanse dar a coñecer os resultados dun traballo de investigación, incluído no proxecto REDES da Universidade de Vigo, relativo a diferentes aspectos da violencia machista exercida sobre a infancia e a mocidade. Tamén se pretende ofrecer a visión de diversas expertas nos ámbitos da psicoloxía, educación, saúde, xustiza e do mundo asociativo sobre esta problemática, así como proporcionar elementos de debate e ferramentas para a prevención e intervención.

A xornada comezará ás 9.30 coa benvida institucional. A continuación, Ángeles Parrillo ofrecerá unha conferencia para dar a coñecer o proxecto REDES da Universidade de Vigo e posteriormente terá lugar o panel de presentación do microproxecto «Infancia e adolescencia: unha cara oculta da violencia de xénero» no que participarán Azucena Arias, Daisy Alcalde e Iria Vázquez. A última conferencia da mañá, ás 12.00 h., será a cargo de Sonia Vaccaro quen afondará sobre «Violencia sicaria e SAP: fillas e fillos como vítimas da violencia de xénero».

Xa pola tarde, entre as 16 e 18 horas terán lugar catro obradoiros. Un, dirixido por Mariví Fernández Roldán, sobre «A coeducación, o camiño para a prevención da violencia de xénero»; outro, a cargo de Lola Ferriro, sobre «Crianzas maltratadas: detección e abordaxe no ámbito sanitario»; o terceiro, dirixido por Paz Filgueira, para falar sobre «Menores e violencia de xénero, tratamento interdisciplinario. Detección e actuación das administracións públicas. Apuntes sobre o Pacto de Estado» e o último dirixido por Estrela Gómez, sobre «Desmontando mitos contra nenas, nenos e adolescentes desde o eido asociativo».

En total, a Deputación de Pontevedra, o Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo ofertan 150 prazas para profesorado e alumnado da Universidade de Vigo, para o profesorado e persoal educativo dos centros dependentes da institución provincial, para profesorado de centros de ensino dependentes da Consellería de Educación, para as e os profesionais dos CCFFSS, persoal técnico dos Centros de Información á Muller, profesionais da sanidade, da xustiza e todas aquelas persoas interesadas no tema.

As persoas interesadas en participar en «Infancia e adolescencia: unha cara oculta da violencia de xénero» poderán formalizara súa inscrición, desde hoxe e ata o 23 de maio, a través de www.depo.gal.