Manuel Darriba, «Elefante»

Outravolta, Manuel Darriba presenta un traballo peculiar que responde á súa particular visión do mundo narrativo, que é tanto como dicir do mundo en xeral. E faino a través dunha presa de contos que non deixarán a ninguén indiferente. Haberá quen os odie e haberá quen os ame con paixón, pero non creo que moitos lectores sexan capaces de saír deste libro igual que entraron nel, pois reflicte unha rara habilidade para remoer conciencias.

n total son só media ducia de relatos, malia que o primeiro deles, que dá título á colección, case pode ser considerado como unha novela curta, pois ocupa arredor da metade do espazo. Mesmo o segundo, sen chegar a tales estremos, ándalle ben cerca. Pechan o libro outros catro contos moito máis breves en extensión pero, non por iso, menos intensos ca os anteriores.

Se buscamos nexos en común entre todos eles, de moi diferente factura, atopamos un que eu destacaría sobre os demais e que ten que ver coa capacidade fabuladora do autor: a creación de mundos irreais cun pouso ben asentado de credibilidade, nos que se desenvolven as tramas. Un exemplo claro é o segundo dos contos, ambientado nun país aillado do mundo, unha especie de illa flotante (en realidade un altiplano no alto dun monte escarpado) ao que só se pode acceder a través do aire (o que supón unha absoluta falla de contacto co resto do mundo durante séculos), que agora se ve conmocionado pola chegada de xentes doutros lugares e o acceso a iso que chamamos «civilización». Asistimos así á fin das marcas propias do indixenismo máis puro e da tradición oral que domina o país, a favor dunha globalización unificadora que trae consigo os pecados sociais e políticos do resto do mundo.

A lectura política destes relatos é evidente. E un claro exemplo é o primeiro deles e que lle dá título ao libro, que se centra na construción dun edificio que lembra na súa forma a figura dun elefante; é un edificio baleiro e inútil, pero a súa propia concepción é quen de debuxar o fluxo de poder que emana do seu interior e que domina por completo as páxinas da historia e do país imaxinario no que se desenvolve. Nin a existencia dun grupo resistente que loita contra a construción, nin a constatación da inutilidade do edificio, son quen de sentar algo de cordura nunha sociedade inactiva e inane.

Un fondo simbolismo que percorre todos os relatos, así como o desacougo provocado pola constatación da realidade mesma (a pesar de vir agochada tras da figuración ou da fábula), son outros dos elementos comúns a esta proposta de Manuel Darriba. E para desenvolvela non só se vale dos recursos habituais da narrativa, pois resulta doado atopar durante a lectura unha chea de elementos que ben poderían derivar da poesía e mesmo do ensaio filosófico, cos que o autor lle dá forma a unha proposta arriscada e intensa da que sae airoso.

elefanteManuel Darriba
Elefante
Editorial: Xerais
104 páxinas