Ismael Ramos, «Lumes»

Os límites entre xéneros sempre foron un terreo difuso no que non se sabe moi ben onde remata un e comeza o outro. Nas últimas décadas, as fronteiras entre prosa e poesía foron perdendo a rixidez de outrora para ofrecer ao autor unha maior liberdade de movementos sen os corsés da métrica, a rima ou o ritmo.

O libro que hoxe nos ocupa é unha boa mostra desta afirmación, pois Ismael Ramos regresa cun traballo no que racha coa concepción clásica da poesía e xoga a revestila de prosa. O que nos presenta é un xogo de xéneros onde nen sequera se detén en darlle a forma tradicional do verso e destila o seu pensamento a través de frases longas que son pequenos parágrafos. Unha maneira máis de procurar unha estrutura propia a estes lumes que incendian o noso sentir.

«Lumes» é un libro intimista e de vocación familiar, ateigado de personaxes do entorno máis inmediato do eu poético, que vén sendo o propio autor. Estes personaxes aparecen e desaparecen ao longo do texto e van conformando unha unidade de acción e de pensamento; deste xeito, créase un relato continuado sobre os vencellos familiares e as relacións de sangue que se expande por todo o poemario. Un elemento máis para reforzar a idea do relato/poema pois, ao longo das súas 72 páxinas, vai argallando unha narración sobre os arrabaldes da memoria familiar dese eu poético. Non, non estamos a falar de prosa poética, iso é outra cousa: falamos, como xa se dixo, de xogar coa literatura, cos xéneros e as etiquetas, cos límites dos conceptos tradicionais.

Ismael Ramos preséntanos un entorno familiar alonxado da idealización do mesmo. Por momentos, incluso, chega a amosar unhas relacións nas que o amor e o receo, de límites tamén difusos, danse a man de xeito continuado. Á marxe da mistura que poida haber entre realidade e ficción (supoñemos que un xogo máis do autor), o núcleo próximo, o vínculo de sangue e as relacións entre os seus membros, afástase da imaxe idílica socialmente transmitida da fraternidade filial. Os vencellos familiares son postos en cuestión e a dureza achégase aos versos sen remorsos, deixando pegadas en forma de cicatrices. Fala dun entorno íntimo que ten, por momentos, certo aire abafante, o que quizais xustifique esa afirmación que tira nun dos primeiros poemas: “Escribir convértese nun acto de resistencia contra todo”.

Dende esta perspectiva, o texto ben pode ser interpretado como a procura dunha perfección case mística, dunha vida idealizada dentro dese entorno familiar, así como a constatación da imposibilidade de acadar tal meta. O lume sería o recurso natural para a purificación necesaria. Ou, quizais, a luz que nos guíe no noso camiño. É nese contexto no que entendo que hai que interpretar a visión da escrita como “acto de resistencia”.

Cuestionando as concepcións dominantes da familia é como Ismael Ramos debuxa coa palabra unha serie de sentimentos que se van espallando ao longo do poemario. Lume destrutivo, pero tamén purificador; lume que presta calor e acougo; lume que incendia a nosa sensibilidade, que nos ergue polo aire nunha viaxe introspectiva... Lumes, en fin, que fan deste poemario un referente indiscutible da lírica actual.

lumesIsmael Ramos
Lumes
Editorial: Apiario
72 páxinas