A. Neira Cruz, «O sono das sereas»

«O sono das sereas» chega a nós logo de resultar vencedora do Premio Repsol de novela curta do pasado ano. Unha historia de medo e superstición, de segredos agochados durante séculos e de comuñón entre mundos distantes e contrapostos: o ceo e o inferno, o coñecemento e a ignorancia, a fe e o agnosticismo, a ciencia e o fanatismo...

Neira Cruz argalla unha historia contada a tres voces que son outros tantos forasteiros nunha vila da Costa da Morte na que latexa un segredo ancestral. Eles son Paula, a nova doutora da aldea; Gloria, unha restauradora encargada de salvar un peculiar retablo que agocha a igrexa; e Pedro, un sacerdote xove e un tanto perdido no seu ministerio, que exerce de nexo de unión do grupo. E a historia comeza coa chegada da doutora para atender unha doente que padece un estrano mal.

A pacente habita na chamada Casa do Sono, un nome retranqueiro de máis se temos en conta que a súa enfermidade consiste en non durmir dende fai varios anos, tantos como leva prostrada no leito, o que lles supón sentirse unha morta en vida. A razón: unha maldición da que ninguén na aldea quere falar e que ten a mulleres desa familia como destinatarias. E como pano de fondo, a presencia permanente de Luz, a criada do cura, e mailo autor do retablo que Gloria debe arranxar. Un xiro argumental que encarreira a historia e xungue aos protagonistas, pois para entender o que acontece na aldea, o que a doutora desvelou, a restauradora deberá mergullarse en vellos documentos que a igrexa garda no seu arquivo. Só así a verdade será revelada.

A novela ten un certo aroma dos vellos relatos de terror do século XIX, que furgaban a miúdo na tradición local creando historias estarrecedoras gobernadas pola superstición, malia que neste caso abundan os recursos literarios máis contemporáneos e, ademais, garda un transfondo moito máis consistente que aquelas historias, que centraban máis os seus esforzos en impresionar ao lector que en darlle forza ao relato.

Desta maneira, Neira Cruz constrúe unha novela que, a pesar da apariencia efectista do argumento, agocha unha chea de referencias cultistas non aptas para o lector habitual de relatos de terror. Un paso máis nun xénero incomprensiblemente pouco traballado nunha terra que, durante séculos, estivo gobernada polos contos de lareira, canto máis estarrecedores, mellor. E faino cunha linguaxe traballada e maina, sen sobresaltos, sen rupturas abruptas, coma se quixese pasar desapercibida fronte á intensidade que o relato adquire en determinados momentos.

o sono das sereasA. Neira Cruz
O sono das sereas

 

Editorial: Galaxia
160 páxinas