Carlos Meixide, «A memoria dos meus pasos»

 

«A memoria dos meus pasos» é a novela por entregas que Carlos Meixide publicou durante o pasado mes de agosto no xornal dixital Praza.gal. Xa antes de iniciar a publicación, o autor anunciara a súa intención de editala posteriormente en papel, de maneira que tomou a decisión de facer unha campaña de crowfunding e velaquí o resultado.

Podiamos definir esta novela como «de intriga emocional», pois o protagonista chega a Porto despois de recibir unha misteriosa mensaxe dunha antiga amante que, logo de varios días desaparecida, solicita a súa axuda. A vella relación con Paula, que así se chama, xogará un papel fundamental na historia, pois semella que a ruptura nunca chegou a se materializar de todo. E ese pouso é o que arrastra ao protagonista nesta aventura.

Nas súas pesquisas tras dos pasos de Paula, atopará unha manchea de personaxes bastante peculiares, xente á marxe dos convencionalismos sociais habituais, que supoñen a faciana máis retranqueira da historia pois, cargados de comicidade e de sentimentalismo, fan de contrapunto á intriga. Por outra banda, son os que guiarán os pasos do protagonista pola parte máis escura e sórdida da cidade nas súas indagacións para desenlear a trama. Desta maneira, a propia cidade adquire unha dimensión moi especial ata se converter nun personaxe máis do relato.

«A memoria dos meus pasos» ten un parentesco bastante evidente co xénero policiaco pero, a diferencia do habitual, a intriga pasa ás veces a un segundo plano fronte á relación sentimental entre os protagonistas. De aí a denominación de «intriga emocional» que lle quixen aplicar á novela. Tamén chama a atención o emprego do portugués na maioría dos diálogos, pois está inserido con total naturalidade e aporta unha dose extra de credibilidade.

Este novo traballo de Meixide é, ao meu entender, o máis maduro da súa traxectoria: revitaliza e actualiza o folletín decimonónico a través dunha historia ben argallada e ben dosificada, con elementos contrastados e sorpresas agochadas para que non resulte monótona, cunha linguaxe clara e sinxela, aínda que de cando en vez se deixe levar por imaxes máis traballadas, e un protagonista que narra en primeira persoa os pasos da investigación e que é capaz de enganchar ao lector para arrastralo con el ao fondo da intriga.

Coido que non resulta doado, partindo da idea orixinal da novela por entregas, encaixar todas as pezas nos capítulos necesarios para cubrir un mes, cunha extensión similar, e de maneira que cada un deles nos deixe coa mel nos beizos para seguir o relato ao día seguinte. Pero o autor consegue aportar ese fío que nos enlea na trama sen deixarnos respirar ata levarnos a un final que non é tal...

a memoria dos meus pasosCarlos Meixide
A memoria dos meus pasos
Autoedición
136 páxinas

 
Más en esta categoría: « Manuel Lourenzo, «Suite Artabria»