Úrsula Heinze de Lorenzo, «Pon un psiquiatra na túa vida... e xa verás»

«Pon un psiquiatra na túa vida... e xa verás» é un título enganoso porque pode levarnos a pensar nun enfoque de comedia para este relato, pero a pesar de ter momentos máis ou menos distendidos, mesmo retranqueiros, o trasfondo da novela dista moito de responder a un enfoque cómico. A pesar de que a súa autora, Úrsula Heinze, ten confirmado nalgunha entrevista que non se trata dun relato autobiográfico, o certo é que o personaxe central amosa semellanzas máis ca evidentes coa autora, polo que quizais nos estea a falar de xeito hipotético.

A novela está protagonizada por Sally McMahon, unha muller madura que padece unha fonda depresión. O seu psiquiatra resulta ser un home novo e ben parecido que non tarda en facela rexuvenecer e provocarlle certas sensacións. Non estamos a falar dun namoramento adolescente, senón da necesidade de recibir un pouco de atención, unha aperta cálida e agarimosa, pois aí é onde se nos amosa o fondo do relato: a soidade na terceira idade. Noutro tempo que semella cada vez máis lonxano, Sally foi unha escritora con certa proxección internacional e presencia mediática, acostumada a viaxar por toda Europa para asistir a congresos ou presentacións. Nunha palabra: a ser centro de atención. Pero co paso dos anos e certos achaques de saúde, todo iso foi quedando agochado entre os pegues da memoria ata convertela nunha muller máis, unha muller que bota en falla esa pátina de distinción que lle daban os seus escritos e as súas relacións sociais.

Estruturada en 20 capítulos, que son outras tantas citas co psiquiatra ao longo de dous anos, e narrada en primeira persoa pola paciente, a novela podería pasar por unha especie de diario ou, para ser máis precisos, dun libro de actas das reunións. Sally íspese para o lector amosándonos o seu pensamento con absoluta naturalidade, e mesmo reproduce diálogos completos co médico nos que rememora ese pasado xa esquecido. Tamén podemos ver como procura consolidar unha relación de amizade co doutor, pese a que aquel semella remiso a involucrarse máis da conta con Sally, que non pasa de ser, para el, outra paciente máis. A demanda de atención é constante, e o rexeitamento chega a ser motivo de conflito.

Sally é consciente de que o recoñecemento que tivo noutro tempo xa forma parte do pasado, de que a súa idade e a súa saúde imposibilítanlle retornar ás anheladas viaxes polo continente; só lle pide ao psiquiatra un pouco de atención que non dá chegado. E iso dificúltalle a recuperación. A solución ao seu problema non está na farmacopea, nas pílulas que o doutor lle receita, senón moito máis de preto: nun aloumiño, nunha carantoña cómplice, nunha chiscadela de comprensión.

«Pon un psiquiatra na túa vida... e xa verás» é un libro arriscado pola súa estrutura, pero Úrsula Heinze ten soltura de abondo para saír airosa sen grandes esforzos. Linguaxe directa e abundancia de diálogos son os elementos empregados para unha historia que se desenvolve con naturalidade e frescura.

psiquiatraÚrsula Heinze de Lorenzo
Pon un psiquiatra na túa vida... e xa verás

Editorial: Alvarellos
178 páxinas