Ledicia Costas, «A señorita Bubble»

Cando Ledicia Costas escribe para nenos, sabe ben que teclas tocar para que os rapaces disfruten da lectura. Iso é algo que xa ten demostrado sobradamente ao longo destes anos e a súa última entrega non é unha excepción. «A señorita Bubble», fermosamente ilustrada por Andrés Meixide, presenta unha aventura orixinal, preñada da fantasía que encerra o «steampunk»», e na que a autora reivindica o papel da muller como inventora. Pero vaiamos aos poucos.

Para os que a palabra «steampunk» lles pareza perversa, cómpre dicir que se trata dun xénero artístico que se inspira na estética victoriana de mediados do século XIX e nunha ambientación «retrofuturista», na que os avances tecnolóxicos non parten da electrónica, coma na actualidade, senón das máquinas a vapor e da mecánica de engranaxes, rodas dentadas e poleas. Herdeiro de Verne, Wells ou Mary Shelley, despregouse nas últimas décadas en distintas facetas artísticas, dende o cinema ao deseño, a música, os videoxogos, a banda deseñada e, claro está, a literatura.

Ledicia Costas preséntanos a unha inventora moi peculiar, a señorita Bubble, que responde á prefección a eses parámetros. Pero dende que chegou á vila provocou o rexeitamento da veciñanza pola súa estrafalaria maneira de vestir e de comportarse e por todo o misterio que a rodea. Dúas nenas irmás, Noa e Sofi, entran en contacto con ela e descobren que nada ten que ver con esa imaxe de muller perversa que os adultos lle dan. A partir de aí, a historia desenvolve o conflito que xurde entre os veciños e a inventora por mor da relación coas nenas, dando lugar a unha lectura que, sobre todo nos capítulos finais, nos fai lembrar o «Frankenstein» de Mary W. Shelley.

Filla da estética de Tim Burton e de Roald Dahl, a señorita Bubble reivindica o papel da muller como inventora, como dixemos, bastante esquecida a pesar dos moitos casos coñecidos nos que o inxenio feminino deu lugar a importantes avances en distintas facetas. Pero, ademais de inventora, a señorita Bubble é unha muller que desprende unha sensibilidade moi especial. E case todos os seus inventos, que ás veces máis parecen producto da maxia que da ciencia, gardan parte desa sensibilidade. Velaí o corazón de ouro de Vincent como exemplo, accionado por pedras preciosas, ou o ollo co que pode ver o que acontece en distintos lugares. Un desbordante despregue de imaxinación co que a autora engalana a historia para facela aínda máis atractiva.

Convén destacar que a pesar de que non se pode considerar unha novela feminista no sentido reivindicativo, todos os personaxes de certa relevancia (agás o neno Vincent) pertencen a este xénero. Tanto os bos (as nenas protagonistas ou a mesma señorita Bubble), coma os malos (a directora do colexio e maila da biblioteca do centro). Os homes apenas teñen relevancia fóra dun alcalde intrigante cun papel mínimo e un pai ausente que acaba por reivindicarse.

Pero, ao meu entender, a grandeza desta novela, amais de todo o dito, está na maneira na que Ledicia Costas desenvolve o relato. Emprega unha linguaxe clara a directa, sen grandes adobíos nin revirados recursos estilísticos, pero cada palabra está colocada coa precisión dun reloxeiro suízo e cada frase supura esa delicadeza tan habitual nos seus escritos e que a ten colocado como referente ineludible da literatura galega contemporánea. Por todo iso, a señorita Bubble ficará entre nós por moito, moito tempo...

a señorita bubbleLedicia Costas
A señorita Bubble

Ilustracións: Andrés Meixide
Editorial: Xerais
168 páxinas