Beatriz Maceda Abeleira, «Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán»

Beatriz Maceda vén de presentar un novo traballo sorprendente. No texto sorprende a similitude que tece entre dúas figuras tan senlleiras do século XX como son Valle-Inclán e John Lennon: similitudes físicas (delgadez, melena, barba longa, lentes redondeadas...), pero tamén moito máis íntimas (irreverencia, notoriedade, clarividencia intelectual...). E sorprende que o relato estea dirixido a un público xuvenil que, con toda probabilidade, terá referencias escasas de ambos personaxes.

A autora deulle forma a unha historia na que Lennon e Valle conflúen na imaxinación dun rapaz, o narrador, bisneto ficticio do escritor, que un día descubre o seu parentesco, ata entón agochado para el. Isto sucede a poucos meses do asasinato do cantante, nun país no que comeza a agromar a liberdade creativa que fructificaría na chamada movida madrileña e arredores. A través de certos elementos oníricos e xerando un clima de misterio coma se dunha investigación se tratase, o rapaz vai descubrindo a súa propia historia e a do seu devanceiro alén daquilo que estudara no instituto.

Estamos, xa que logo, diante dunha novela de ficción que toma elementos da realidade para a súa construción, na que se nos desvela unha historia na que as fronteiras temporais deixan de ter validez, mesmo as da realidade dilúense na trama provocando un xogo de simbolismos bastante interesante. Ben poderiamos cualificala como “novela de iniciación” polo que representa para o seu protagonista, que pasa da infancia á madurez ao longo de apenas un ano no que se desenvolve o relato.

Pero o máis sorprendente de todo poderían ser a súa estrutura e diversos elementos que se integran o texto, que nos fan lembrar constantemente a figura do escritor arousán. Unha división en estacións, ao estilo das Sonatas, ou a permanente referencia a Luces de Bohemia (mesmo o amigo do protagonista se chama Max, coma o protagonista da peza teatral), impregnan a lectura da personalidade valleinclanesca e crean unha atmósfera moi especial capaz de absorvernos durante a lectura.

A inclusión de elementos misteriosos, como unhas intrigantes notas que guían o camiño do protagonista, e oníricos (todo empeza cun soño), así como o escenario da primeira parte (que transcorre no pazo que pertenceu a Valle-Inclán e no que sobresaen o permanente aroma do magnolio ou a mítica cadeira na que foi fotografado), axúdannos a viaxar coa imaxinación á literatura de finais do século XIX. Ao deixar o pazo regresamos aos anos 80 nos que está ambientado o relato para entrar nun xogo de espellos cóncavos que distorsionan a realidade ao máis puro estilo do esperpento de don Ramón.

Unha linguaxe sinxela e directa fan que a lectura sexa áxil e moi doada, e que a historia consiga atraparnos dende os primeiros compases da narración. Pero non vos deixedes enganar: a pesar da súa aparente sinxeleza, arrastra consigo un transfondo máis serio do que parece. Por iso, e pese a estar dirixida a un público xuvenil, como dixen, (unha excelente maneira de achegar aos rapaces ao mundo de Valle-Inclán), os adultos estamos en condicións de disfrutala sen necesidade de volver á pubertade.

lennonBeatriz Maceda Abeleira
Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán
Editorial: Trifolium
122 páxinas