Iolanda Zúñiga, «Natura»

Iolanda Zúñiga tennos acostumados a unha literatura moi persoal, cun punto de transgresión, un aquel de denuncia máis ou menos evidente, e moito de visceral. A súa última proposta responde aos mesmos criterios; trátase dunha novela que nos traslada a unha paisaxe apocalíptica para desembocar en distopía a través da odisea persoal da súa protagonista, unha muller que en ningún momento aparece identificada cun nome, coma o resto de personaxes do relato.

Logo da fagocitación do planeta, sobreexplotado por un sistema só preocupado polos beneficios inmediatos, algúns dos superviventes diríxense cara ao norte na procura do único lugar no que, segundo se conta, é posible a supervivencia: Natura. Pero o que promete ser un Edén idealizado na mente dos candidatos a residentes, remata por se converter nunha sociedade altamente xerarquizada e dirixida por un líder supremo cunha misión: a de repoboar unha nova Terra con xente xeneticamente seleccionada.

Para iso, as mulleres son elixidas segundo certos criterios físicos e sanitarios, e despois anuladas mediante recursos psicolóxicos e farmacolóxicos, nun proceso de uniformización cerimonial que, en realidade, o que agocha é un proceso de total submisión ao líder e á súa misión. A razón é que esas mulleres van ser utilizadas nesta nova sociedade cun único propósito: o de enxendrar vida. Todo ten un aire fundacional, de creación dunha nova estrutura social que, no fondo, non é tal, pois está dominada polos de sempre. Mesmo a estrutura da novela, dividida en dez capítulos que son dez mandamentos, lévanos a pensar na idea dun renacer desa nova sociedade. Pero de nova ten pouco, pois xa nace cos mesmos pecados que a que esmorece.

Por falar dalgunhas referencias externas, a odisea da protagonista comeza por lembrarnos «A estrada», de Cormac McCarthy, ata a súa chegada a Natura, para despois desembocar nunha revisión de «O conto da criada», de Margaret Atwood; e lémbranos estes dous clásicos da ciencia ficción contemporánea en canto ao seu carácter distópico e, sobre todo, á súa capacidade para provocar inquietude e desasosego no lector segundo nos imos mergullando nas súas páxinas. Pero fronte a eses relatos, Iolanda Zúñiga ofrece un tratamento moi diferente da loita pola supervivencia da protagonista e da súa teima por non se desfacer das lembranzas que o estado totalitario representado por Natura pretende borrar da súa mente, afondando nun pouso psicolóxico que as novelas referidas só tratan superficialmente. O resultado é unha ambientación que por momentos pode resultar desacougante, mesmo asfixiante, malia que de cando en vez se deixe caer unha raiola de esperanza á que o lector debe aferrarse para non deixarse arrastrar polo desánimo.

Sen apenas diálogos e cunha linguaxe coidada e puída, Zúñiga ofrece un texto que se asoma ao lirismo no que destaca unha perfecta dosificación de medios expresivos carente de artificios impostados, que dotan ao conxunto dun aire de sobriedade. Pero nesta proposta da autora non só importa o que se relata, senón que deixa abertas unha chea de fiestras para a reflexión sobre o que se intúe, tanto no que se refire a esa nova sociedade bautizada como Natura, coma ao proceso de devastación ecolóxica que desembocou no seu nacemento.

naturaIolanda Zúñiga
Natura

 

Editorial: Galaxia
216 páxinas