Inma López Silva, «Chámame señora, pero trátame coma a un señor»

Inma López Silva vén de inaugurar unha nova colección posta en marcha pola editorial Galaxia e denominada «Feminismos», na que se pretende dar cabida a ensaios e reflexións sobre a cuestión de xénero co obxectivo de aportar o seu gran de area á igualdade. Tres foron os títulos presentados de maneira simultánea para capitanear esta colección: «Am@me», de Chis Oliveira e Amada Traba; «Feminicidio», de Carme Adán; e o que hoxe traemos a este andel, «Chámame señora, pero trátame coma a un señor», de Inma López Silva que, a xeito de subtítulo, presenta unha frase bastante explicativa respecto do seu contido: «Memoria persoal do machismo na cultura».

Quizais sexa ese o resumo máis evidente do que poderemos atopar entre as súas páxinas, xa que escapa do prototipo tradicional do ensaio para achegarse a un relato das experiencias persoais vividas pola autora no que atinxe aos machismos de todo tipo dentro do eido da cultura. Quero dicir con isto que Inma non pretende facer unha reflexión coa que sentar cátedra cos seus prantexamentos, senón relatar unha experiencia vivida en primeira persoa. E faino con contundencia e claridade, de xeito ás veces provocador, politicamente incorrecto e sempre reivindicativo, deixando ao descuberto as moitas fendas que existen nun territorio, o da cultura, que aparenta unha maior igualdade da que realmente ten.

Para iso, Inma emprega unha linguaxe moi directa que semella extraída directamente dende as vísceras. Non parece que exista unha preocupación especial pola escrita literaria (malia que a unha autora da súa traxectoria é inevitable que se lle escapen fragmentos que encaixarían en tal categoría), senón por colocar sobre a mesa o sistema patriarcal e sacarlle as cores, sen adobíos nin florituras. No seu discurso, Inma defende a linguaxe inclusiva e propón darlle a volta aos prantexamentos machistas, como é o caso de empregar o seu propio corpo para o empoderamento feminino («O corpo é poder!», insiste en varias ocasións). O acoso sexual, as Academias, os homes e as súas debilidades e medos, o machismo no cine, no teatro, na música, a escritura «en feminino», os premios literarios, a publicidade sexista, a maternidade como ferramenta feminista... Son tantos os temas tocados neste texto!

«Chámame señora, pero trátame coma a un señor», é un libro arriscado, comprometido e diferente, un texto sincero e, por momentos, desgarrado, mais eu diría que necesario para abrir os ollos a homes e mulleres e combater todos os machismos, en calquera eido que se presenten. É un berro contra o silencio ao tempo que un desafogo, pero tamén un chamamento a erguerse contra unha sociedade que ignora e minimiza á metade da poboación polo simple feito de seren mulleres. E por iso, non só é un libro necesario, senón imprescindible.

chámame señora, pero trátame coma a un señorInma López Silva
Chámame señora, pero trátame coma a un señor

 

Editorial: Galaxia
188 páxinas