Anna R. Figueiredo «Os bicos feridos»

«Os bicos feridos» é a primeira novela de Anna Figueirido e vén avalada polo recén creado 'Premio Viaductos', o que di moito e bo en favor da autora e tamén do premio. Trátase dunha historia moi apegada ao noso tempo e lixeiramente emparentada co realismo máxico por algúns dos elementos que aparecen nela, aínda que eu diría que se achega máis ao simbolismo puro e duro, dende unha perspectiva na que se nos amosa o desencanto que provoca na mocidade enfrontarse a un mundo que pouco ou nada se asemella ao que lle pintaron dende a infancia.

Para iso, a autora descríbenos a historia de Olivia, unha moza galega que acatou todas as normas que lle foron dictando na casa e que se preparou para enfrontarse a un futuro idealizado, pero que choca coa realidade cando é incapaz de atopar un traballo acorde aos seus estudos. Por iso decide buscar o seu futuro lonxe do niño e marchar a Londres, onde as esperanzas son maiores, pero alí, a realidade devólvea a unha situación parecida e só é quen de coidar aos nenos dunha familia acomodada e limpar un laboratorio, no canto de traballar nel. Un día, Olivia recibe unha chiscadela de esperanza logo do encontro casual cun neno, Samuel, durante unha visita ao Museo Británico. Ao día seguinte, o neno morre en tráxicas circunstancias e a partir de aí nace unha vinculación moi especial entre os dous que se desenvolverá ao longo de toda a narración.

A través das case 400 páxinas da novela, a autora aproveita para incluir unha morea de elementos que lle son alleos pero que vinculan a historia con cuestións como a denuncia social, as relacións afectivas, a intransixencia, o racismo e a xenofobia, a rotura de lazos co pasado... Son moitas as anotacións á marxe do relato en si que, no fondo, axudan a debuxar o desconcerto dunha sociedade desnortada e en proceso de descomposición. A lectura, sen dúbida, axúdanos a comprender un pouco máis o tempo que vivimos, pero deixa aboiando no aire máis preguntas que respostas. E unha fundamental que sobrevoa toda a narración malia que non se materialice ata o final e que mesmo chega a emparentala coa ciencia-ficción: ¿é posible convertir as nosas esperanzas, os nosos desexos intanxibles, as nosas arelas ou a nosa inspiración, en algo palpable, en algo sólido e manexable?

A lectura de «Os bicos feridos» é capaz de chegarnos ao máis fondo e rabuñar no noso interior ata incomodar a nosa conciencia, algo que sempre é de agradecer e que non é doado atopar en autores noveles. E se a todo isto engadimos unha linguaxe coidada e manexada con soltura, que por momentos chega a rozar o lirismo, coido que será moi difícil desapegarse da súa lectura.

bicos_feridosAnna R. Figueiredo
Os bicos feridos

 

Editorial: Galaxia
396 páxinas