A. Rei Ballesteros, «Dezanove Badaladas»

Ter nas mans unha novidade de Rei Ballesteros é unha noticia ben grata, máis aínda cando falamos dunha obra primeiriza e inédita ata o de agora, descuberta entre os seus papeis pouco despois do seu prematuro pasamento. Trátase dunha novela que está datada entre novembro de 1969 e febreiro de 1970; o autor contaba, xa que logo, con só 17 anos polo que, a falla doutros datos que o contradigan, podemos considerala como a súa primeira incursión no mundo da narrativa en galego.

E a pesar dalgúns pecados propios da súa xuventude, este texto deixa ver as ganas de arriscar e a forza narrativa dun dos nomes máis relevantes e influíntes da nosa literatura contemporánea. Por iso é de agradecer que Galaxia decida recuperala para a súa Bibliteca Rei Ballesteros e que, amais, engada un apéndice gráfico con páxinas manuscritas e debuxos, mesmo un fragmento alternativo e algunhas anotacións do autor.

«Dezanove badaladas» é unha novela que narra as andanzas de Nolo, un rapaz chegado da aldea, na Compostela da época. Trátase dunha historia de vocación noctámbula onde o protagonista, xunto cun grupo de amigos, percorre as arterias da cidade na procura de vivencias e sensacións das que non podía gozar no seu eido natal, dispostos a se divertiren ata a extenuación a costa do seu primeiro soldo. Asistimos así ao abraio do mozo fronte a un tipo de vida que lle é alleo, a vida nocturna dunha cidade que durante o día vive á sombra da Catedral pero que, ao chegar a noite, se transmuta nun balbordo ledo e festivo, onde comparte espazo con borrachos, prostitutas, mendigos, xentes da farándula e vividores de toda caste e condición.

O que se nos presenta desta maneira non é só o enfrontamento entre dúas formas de sentir a vida: a máis tranquila e comedida do rural, e a axitada e ruidosa da cidade; senón que tamén seremos testemuña dalgúns dos cambios máis relevantes que se produciron nuns anos nos que a sociedade comezou a transformarse de xeito abrupto e acelerado. E iso a través dun relato que ten moito de iniciático e que, dalgún xeito, reflicte o asombro da propia sociedade perante todos eses cambios que se están a producir.

Para iso, Rei Ballesteros exhibe unha atención especial aos novos xeitos de contar. Debemos ter presentes as datas nas que tal historia se escribe: o cambio de década vén precedido por unha revisión a fondo de todo convencionalismo e por unha actitude que exhibe provocación e liserxia, e iso tamén chega á literatura. Así, atopamos fragmentos arriscados polo contido nunha sociedade aínda bastante puritana, e arriscados na forma de redacción. A herdanza das vangardas dos 50 está moi presente e redunda na sensación de confusión que vive o protagonista ata arrastrar ao lector ás mesmas rúas e garitos que Nolo visita cos seus compañeiros de andanzas.

Mención aparte merece o emprego dunha linguaxe desbordante, chea de expresións populares e de uso cotián naquel intre, moitas delas xa desaparecidas ao longo das décadas que pasaron dende a súa redacción. Palabras que, en moitos casos, sería bo recuperar en defensa dunha lingua que cada vez se simplifica máis sacrificando no camiño verbas absolutamente autóctonas e definitorias do noso ser e do noso sentir.

dezanove badaladasA. Rei Ballesteros
Dezanove Badaladas

 

Editorial: Galaxia
188 páxinas