Manuel Esteban, «O meu nome é Ninguén»

Manuel Esteban xa nos sorprendeu fai dous anos coa súa primeira novela, “A ira dos mansos”, que chegou a nós avalada por todo un Premio Xerais. E iso é moito dicir para un autor novel. Agora retoma parcialmente aquel relato, protagonizado polo inspector Carlos Manso, para achegarnos unha nova proposta na liña da anterior.

Non se trata, en realidade, dunha continuación da súa primeira novela, malia que a acción se sitúa pouco despois do seu remate e ambas comparten algúns personaxes secundarios, senón dun novo caso do que promete ser o berce dunha saga de historias policiais con este peculiar inspector como protagonista.

Nesta ocasión, Carlos Manso deberá desentramar un asasinato que lle toca moi de preto, pois a vítima é o seu propio irmán, compañeiro de profesión, e o escenario do crime semella preparado para simular un caso de violencia de xénero que ao inspector non lle encaixa. E terá que pescudar dende fóra da zona de confort na que se move, pois está a piques de ser expulsado da Policía Nacional polas súas prácticas pouco ortodoxas. Deste xeito, e coa axuda inesperada dun pirata informático ben pouco convencional, Manso vaise mergullar nunha investigación que o levará a desenlear unha trama de pederastia, pornografía infantil e abusos a menores con deficiencias, que ten a todo un bispo como principal sospeitoso. E outravolta, igual que acontecía coa primeira entrega, as persoas discapacitadas volven a debuxar o telón de fondo do relato.

Pero o verdadeiro celme da nova proposta de Manuel Esteban non se cingue unicamente á investigación do caso, pois ao longo das súas páxinas asistimos a un proceso paulatino de derrubamento do propio protagonista. Manso, prototipo de antiheroe, cínico e mordaz, que sobrevive a base de café, ibuprofeno e unha fonda retranca, é debuxado nesta ocasión polo autor cunha dimensión moito máis ampla e poliédrica que na primeira entrega para deseñar nese marco a súa severa derrota. A percepción da perda gradual da súa propia identidade, que o converte nese “Ninguén” que anuncia o título da novela, lévanos a reflexionar sobre a soidade á que se ven abocados os perdedores, e tamén sobre as contradicións que se agochan no interior da propia condición humana. As constantes referencias á Odisea de Homero fálannos, dalgunha maneira, desa longa viaxe, ese descenso aos infernos ao que Manso se ve arrastrado durante a investigación.

A estrutura a base de capítulos moi breves aporta un ritmo vertixinoso que nos empurra cara ao desenlace sen grandes esforzos por parte do lector, que se verá arrastrado a devorar as case 300 páxinas da novela. E ollo ao emprego do humor ácedo e corrosivo por parte do autor que, dalgunha maneira, nos desvela unha personalidade moito máis retranqueira do que parece e nos fai agardar novos intres de disfrute coas páxinas que aínda lle quedan por escribir.

o meu nome é ninguénManuel Esteban
O meu nome é Ninguén

 

Editorial: Xerais
296 páxinas