Henrique Dacosta, «Á deriva»

Que o relato curto nunca deixou de ter fonda pegada na literatura galega é unha evidencia, por moito que sexa a novela a que acostuma a ter maior presencia mediática. Exemplos hainos a moreas e poucos son os autores de narrativa que, nalgún momento, non se deixan tentar por este xénero tan querido entre nós. O profesor ferrolán Henrique Dacosta leva xa unha boa presa de relatos curtos publicados, tanto en volumes propios coma colectivos, o que lle dá un oficio que se deixa ver en cada nova entrega, como é o caso que nos ocupa.

«Á deriva» é unha colección de media ducia de contos breves (agás o derradeiro, de maior extensión); unha compilación de historias diversas entre as que agroman algúns elementos comúns que fan de fío conductor, como é a presencia, non sempre evidente, do mar que, ben asumindo protagonismo, ben como telón de fondo do relato, representa un nó de enlace entre todos eles. Esta relevancia xa se evidencia dende o propio título ou dende a capa. E tamén a cidade de Ferrol e a súa bisbarra, que por momentos adquire a dimensión dunha personaxe máis entre o conglomerado de vidas que aquí se nos presenta. Neste senso cabería destacar a rica toponimia que ofrece.

Son algúns elementos unificadores dos relatos que integran esta colección, pero non son os únicos. Tamén o pasado, ben a través da memoria, ben a través de acontecementos históricos, esvara entre as páxinas do libro. O accidente da Discoverer Enterprise que destrozou a Ponte das Pías, o fusilamento de Amada García no castelo de San Filipe logo de dar a luz, ou as andanzas da navegante Isabel de Barreto polos Mares do Sur, son algúns dos temas tratados que nos retrotraen a outro tempo. A obsesiva relación de Belarmino co mar e a súa teima por dar caza a un róbalo, trasunto da súa Moby Dick particular, ou a incrible traxedia que se bambea sobre unha familia nunha singular Noite de Reis, parecen indicar que Henrique Dacosta non renuncia a desdebuxar intenionadamente a fina liña que separa a realidade da fantasía. Velaí a modo de exemplo o relato final, no que narra os amores entre un fareiro e unha serea e que, ao meu entender, resulta o máis logrado de todos.

Como curiosidade, resulta destacable a unificación das personaxes que poboan os relatos baixo un paraugas de tristura, mesmo de penalidade, coma se o autor quixese darllea voz aos desherdados da sociedade, a xentes esquecidas ou afastadas que reivindican o seu protagonismo e que reclaman a atención do lector. Tamén resulta destacable a riqueza lingüística que Dacosta exhibe ao longo do libro, que pode chegar a rozar o lirismo e, de seguido, enfrontarnos á realidade máis crúa, sen por iso perder encanto estilístico.

á derivaHenrique Dacosta
Á deriva

 

Editorial: Belagua
88 páxinas