Antía Yáñez, «Senlleiras»

Antía Yáñez é unha desas novas voces femininas que están a axitar a literatura galega actual. «Senlleiras» é a súa primeira novela para adultos e nela, amais dun discurso reivindicativo do papel da muller na sociedade, desprega unha madurez narrativa que non é habitual en autores tan novos coma ela. Lembremos que con este texto acadou o premio «Illa Nova», argallado por Galaxia para descubrir talentos moi novos e que está a dar, en só dúas edicións, excelentes froitos.

A narración parte dun suceso contemporáneo, a morte repentina dunha influencer logo de subir ás redes sociais unha fotografía un tanto fantasmal. E de aí salta a cen anos atrás para relatar as vicisitudes doutra muller coa que, sen sabelo, mantén moitos puntos en común. As dúas historias evolucionan en paralelo (unha detectivesca, a outra máis costumista), mesmo chegan a confluir nalgún punto do relato. Segundo nos imos adentrando nelas, resulta doado decatarnos das moitas similitudes que existen entre ambas situacións, coa violencia exercida sobre a muller como nexo de unión. Noutras palabras: en todo o tempo transcorrido entre ambas, as cousas, no fondo, apenas sufriron mutación algunha.

Lonxe de presentar un texto discursivo sobre o inxusto tratamento das mulleres nunha sociedade dominada polo home, «Senlleiras» ofrece os mesmos prantexamentos que calquera discurso reivindicativo sen resultar tan agresivo como acostuman a ser os textos-mitin. De maneira silandeira e sen fogos de artificio innecesarios, a novela vaise tinxindo cada vez máis de violeta segundo imos avanzando na lectura, conseguindo así que flúa con naturalidade a percepción da inxustiza dunha sociedade que leva o concepto de patriarcado á súa peor acepción. A partir de aí, a reflexión individual sobre o tema está servida en bandexa. Por iso considero «Senlleiras» unha novela necesaria.

Os recursos narrativos son moitos e moi variados. No relato contemporáneo abundan recursos modernos (correos electrónicos, foros, mensaxes de WhatsApp...); no que nos sitúa máis atrás no tempo aparecen os clásicos (cartas, artigos de prensa...), case sempre cunha forte carga visual. Entre todos eles compoñen unha lectura áxil e doada, con intres de gran crueza, na que a realidade e a ficción se dan a man para facernos sentir na pel a inxustiza da que falamos. O lector, sexa home ou muller, pode chegar a percibir esa violencia coma algo propio e ese é, ao meu entender, un dos grandes acertos na redación deste historia.

Mención aparte merece o excelente traballo de documentación realizado para darlle vida ao relato, que é constantemente posto sobre a mesa coa inserción de artigos de prensa, antigos ou contemporáneos, que falan do asunto referido. Esa mistura entre o real e o imaxinado (algunhas situacións e personaxes están sacados da realidade; outros, como a presencia fantasmal, son pura fantasía), constrúen un aliciente máis para a lectura.

En conxunto, é unha narración arriscada e valente da que Antía Yáñez soubo saír airosa sen deixarse levar polo discurso fácil. Recomendaría encarecidamente a súa lectura a todos aqueles que aínda teñen algún tipo de dúbidas acerca da reivindicación da muller sobre o seu propio papel na sociedade contemporánea; probablemente saian desa lectura coas ideas moito máis claras...

senlleirasAntía Yáñez
Senlleiras

 

 

Editorial: Galaxia
356 páxinas