Roi Vidal Ponte, «Poesía. Materiais para montar unha escena de cama»

A pesar do seu título, «Poesía» é unha peza teatral; é a proposta coa que Roi Vidal Ponte gañou a XII edición do Premio Abrente de textos teatrais, argallado pola Mostra de Teatro de Ribadavia, e acaba de ver a luz en edición impresa da man, como é habitual, da editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas. Trátase dunha peza de corte experimental e que, se seguimos as instrucións do autor, pode dar pé a numerosas interpretacións diferentes da propia obra e a que cada representación sexa sempre distinta da anterior.

Para iso, Roi Vidal prantexa unha serie de instrucións coas que desenvolver a representación ou a lectura da obra. De primeiras explica a división do texto en distintas partes. A denominada «Palabras» correspóndese coas escenas que conforman a obra. Neste caso, a súa orde e textos son considerados inamovibles. Na chamada «Accións», Roi Vidal propón diferentes acoutamentos para as escenas que «poden e deben», especifica, ser manipulados polo actor/lector para acadar diferentes visións do texto. Noutras palabras: separa o que os actores din, do que os actores fan, para que a construción do universo teatral da peza poida mudar en cada novo achegamento á obra. E aínda non contento con iso, engade un derradeiro capítulo de citas que poden ser empregadas para inspirar a lectura ou representación das distintas escenas, e que mesmo poden ser engadidas no texto se se considera oportuno.

Como vemos, o que Roi Vidal prantexa é un auténtico calidoscopio no que, coas premisas propostas, o argumento da obra para a ser case anecdótico, pois onde realmente atopamos o traballo de fondo é na súa construción, na que o actor/lector xoga un papel fundamental. Non por iso a obra carece de argumento. Claro que existe un argumento.

O que se nos relata é a historia de dous personaxes, identificados como «Corpo Be» e Corpo «A», de sexo impreciso, que interactúan entre si e falan de relacións sexuais, mesmo de como habería que rodar unha escena de sexo dunha hipotética película pronográfica, e outras cuestións semellantes. Pero, no fondo, o que se está a relatar é a chegada do tedio a unha relación que ata entón fora dominada pola paixón. Ou cando menos, esa é unha das moitas lecturas que se poden extraer dunha peza destas características, tan cambiante e tan versátil.

E para iso, o autor recorre a diálogos, monólogos e textos poéticos (non esquezamos que Roi Vidal tamén publicou varios libros de poesía), e a distintos recursos teatrais que manexa con soltura. O resultado é un divertimento no que xoga con distintas percepcións da realidade, sempre mutables, para indagar (ou, mellor dito, para que indaguemos) no noso propio interior.

Poesía. Materiais para montar unha escena de camaRoi Vidal Ponte

Poesía. Materiais para montar unha escena de cama

 

 

Editorial: Difusora
76 páxinas