Marta Dacosta, «Labirinto ou memoria»

Marta Dacosta afirma que «Labirinto ou memoria» é o reverso do seu anterior poemario, «A casa da avoa», e quizais non lle falte razón. Se naquel caso acudía á figura da súa avoa como representación simbólica da muller, e xogaba coa memoria como elemento motriz do conxunto, neste caso volve a retomar o fío das lembranzas para construir unha viaxe introspectiva a un pasado real ou imaxinado, dende un presente que albisca o futuro próximo. Non, non é un trabalinguas inventado para a ocasión, pero é doado imaxinar que para comprendelo convén dar algunha explicación máis.

Partamos, xa que logo, do eu poético, esa personaxe que centra a atención do conxunto de poemas e que serve de nexo de unión entre todos eles. Neste caso, o eu poético é unha muller que se atopa en plena madurez; tal é a súa realidade: o seu presente. Nese intre vital, xa comeza a vislumbrar unha nova etapa da súa vida, a vellez, que parece achegarse paseniño e á que mira con certa suspicacia. O libro está inzado de temores a situacións e enfermidades características desa idade. Velaí o futuro. Pois ben: dende a atalaia que lle supón esa situación, esa muller decide botar a vista atrás para facer un repaso á súa vida, voltar ao pasado para revivir algúns momentos. Coido que así ben se pode comprender a afirmación anterior.

O repaso ao seu pasado resulta ser, no fondo, unha aventura dentro dun labirinto de lembranzas, pois estas van xurdindo sen unha orde previa, suxeridas por olores, sons ou obxectos que a trasladan a un tempo anterior. Un repaso un tanto caótico que responde aos caprichos da memoria e que conduce á protagonista a certa confusión, chegando a dubidar da veracidade dalgúns deses intres. A memoria é corredía e antolladiza, e en ocasións provoca dúbidas sobre a fidelida da vivencia ou a posibilidade de que sexa unha reconstrución feita por nós. Aí xurde a pregunta: ¿até que punto podemos fiar da nosa memoria?

Partindo desa idea, «Labirinto ou memoria» ben podería ser considerado como un traballo de análise sobre os condicionamentos da mente humana á hora de adentrarse nas nosas lembranzas. E en todo este proceso, lonxe de resolver dúbidas, o que o libro fai é prantexar novas preguntas sobre a súa capacidade de recreación, a maneira en que pode ser suxestionada por parte de elementos alleos á vivencia, ou o seu caprichoso comportamento. De cada un de nós dependerá darlles unha resposta axeitada.

Mención aparte merecen os textos que sirven de introdución; apenas media ducia de poemas que case podemos considerar coma un corpus propio, un libro dentro do libro no que a poeta nos ofrece algunhas pistas sobre o proceso creativo. Deixo para a reflexión os primeiros versos:

«non penses que a poeta
deixou o corpo espido ante os teus ollos
que os versos son
mapas exactos

hai chagas ocultas
feridas que nunca cicatrizan

os versos son un eco».

labirinto ou memoriaMarta Dacosta
Labirinto ou memoria

 

Editorial: Caldeirón
90 páxinas

 
Más en esta categoría: « Abel Tomé, «A noite do corvo»