Diego Ameixeiras, «A crueldade de abril»

«A crueldade de abril» é a proba palpable de que tamén na sordidez e na violencia podemos atopar poesía. Non nos confundamos, non é un poemario, senón unha novela, pero está traballada de tal maneira que o lirismo supura en cada páxina para revestir a nosa propia crueldade e, quizais, facérnola un pouco máis dixerible.

Este traballo de Diego Ameixeiras enfróntanos a nós mesmos, colócanos diante dun espello no que se debuxa a nosa faciana máis desalentadora para restregarnos en plena cara a nosa pasividade perante unha sociedade que só se molesta fronte a un televisor ou fronte a un trending topic, pero que se resigna fronte á realidade palpable.

A historia na que Ameixeiras se escuda para colocarnos nesa situación nace do encontro entre unha poeta depresiva e un mendigo, que van ser violentamente atacados por un pequeno grupo contratado para escorrentalos do edificio no que se agochan. Ese enfrontamento remata coa morte de ambos e un incendio que arrasa o devandito edificio. E perante a pasividade dunha sociedade que está a outra cousa e para a que ambas mortes son só un número máis nas estatísticas, o irmán da poeta decide tomar partido e buscar aos culpables.

Atopámonos deste xeito fronte a unha historia cruel e desapiadada, na que os personaxes principais, a pesar de aparentar unha socialización que non é real (que poderiamos definir como «gremial»), exhiben unha absoluta carencia de empatía que por momentos pode chegar a resultar abrumadora. Sexo e violencia explícitos salpican moitas das páxinas deste relato, sen disfraces de ningún tipo que disimulen a súa presencia. Pero ao tempo, e velaí a dificultade do equilibrio, Ameixeiras emprega unha linguaxe sabiamente dosificada que arrastra consigo a forza bruta da realidade e a luminosidade da precisión da palabra exacta no momento axeitado. O resultado achégase por momentos á prosa poética ata que unha labazada nos devolve á terra.

A novela está estruturada en tres partes con títulos tan esclarecedores como «O amor», «A vinganza» e «O odio», sendo a central a máis extensa e o fío principal do relato. Ameixeiras xoga con nós a través de saltos no tempo para arrastrarnos a ese inferno de violencia que habita na marxinalidade social, mantendo unha intriga que nos empuxa ata as páxinas finais do libro, nas que comprendemos esa crueldade á que fai referencia o título en toda a súa dimensión.

Ameixeiras é un valor consolidado na nosa literatura dende fai moito tempo, pero teño para min que este traballo, amais de reafirmalo como tal, sitúao nunha posición diferente da que nos ten acostumados e anuncia un futuro moi protemedor para el, como autor, e para nós como lectores.

a crueldade de abrilDiego Ameixeiras
A crueldade de abril

 

Editorial: Xerais
136 páxinas