I Forum Transfronterizo

Xosé Duncan, «As lembranzas perdidas no lago Antelväri»

«As lembranzas perdidas no lago Antelväri» é unha novela de misterio que, lonxe de quedarse na superficie da historia (algo excesivamente habitual nestes relatos), busca profundar acerca do comportamento humano. Quen queira unha narración de terror ao xeito do cine comercial, con monstros a esgalla e berros histéricos, non vai atopar aquí nada diso; pero se buscades deixarvos sorprender pola fantasía e por unha historia ben argallada, estades de noraboa.

Para entender tal afirmación hai que explicar algunhas cousas do seu argumento. Xosé Duncan sitúanos nun lugar impreciso, unha comarca que se asenta arredor dun lago rodeado de bosque e de algúns núcleos de poboación. Neste entorno case bucólico, existe unha asociación benéfica, xa centenaria, que rexenta un sanatorio, e que ten unha enorme influencia en toda a bisbarra. Esta asociación é rexida por un grupo selecto da élite local e ten un comportamento que ás veces nos lembra o de algunhas sectas.

Ninguén na zona o sabe, pero a asociación alimenta a uns seres de luz que habitan no fondo do lago aos que consideran unha especie de deuses que os salvarán da destrución cando chegue o momento. O alimento destes seres son as lembranzas dos doentes do sanatorio, que é tando como dicir de toda a poboación dos arredores.

A partir desta idea, Duncan desenvolve unha historia que ben poderiamos cualificar de coral pola abundancia de personaxes de moi distinto caracter. Pero o máis interesante do relato vén sendo a reacción de cada un deles perante as situacións nas que o autor os vai colocando, co lago, a asociación e os seres de luz exercendo de epicentro da acción. Desenvolve así un verdadeiro estudo da psique humana e o seu comportamento fronte a algo descoñecido e incomprensible pois, convén aclarar, eses seres de luz en ningún momento son definidos nin positiva nin negativamente, senón que é a lectura que cada un dos personaxes fai deles o que lles dá vida e os coloca nun ou noutro bando. Unha ubicación subxectiva neste caso.

En conxunto, a novela aproxímase á literatura fantástica escandinava contemporánea, sen que por iso deixemos de atopar fondas pegadas da nosa tradición. A fantasía, sendo un elemento fundamental da trama, no fondo non é máis que o punto de partida para desenvolver unha historia de tintes realistas. Se aceptamos a existencia de vampiros para disfrutar da novela de Bram Stoker, aceptaremos tamén a destes seres de luz que habitan o fondo dun lago para entender o noso propio comportamento a través da morea de personaxes que poboan a historia.

Estou convencido de que este relato non vos deixará indiferentes e vos fará pasar unhas horas entretidas durante a súa lectura. Só queda por saber cal será a vosa reacción fronte a estes seres de luz...

fora de siXosé Duncan
As lembranzas perdidas no lago Antelväri

 

Editorial: Galaxia
232 páxinas