Suso de Toro, «Fóra de si»

O regreso de Suso de Toro á novela sempre é unha boa noticia. Porque significa a volta dun clásico en vida que xa nos ten amosado en numerosas ocasións a súa habilidade narrativa (de seguro que virán á vosa mente unha chea de títulos). E nesta ocasión volve ao primeiro plano cunha novela que, polo fondo, poderiamos considerar continuísta e pola forma, bastante rompedora.

No fondo, «Fóra de si» relata a historia dun neurocirurxián que, nun momento da súa vida, séntese sobrepasado por todo o que o rodea: unha vida que non é a que el soñou, un matrimonio esnaquizado, unha situación laboral humillante, unha adicción ao alcohol que aínda o afunde máis... E o protagonista acaba por estoupar, o que significa baixar un chanzo máis no seu particular descenso aos infernos. A morte dun parente cercano será a súa táboa de salvación, pois a herdanza da casa familiar ofrecélle a oportunidade de afastarse de todo e comezar de novo. Malia que nada será tan doado como aparenta. Os vellos fantasmas e outros novos, dificultaranlle a recuperación.

Se digo que neste aspecto podemos considerar o relato como continuísta, é porque non é a primeira vez que Suso de Toro traballa coas lembranzas, coa descuberta dun pasado agochado, co retorno ao rural e á infancia como forma de rescate dalgún dos seus personaxes. Nesta ocasión engádese a mentira, moi presente en toda a novela (sobre todo na súa parte final), como elemento aglutinador do relato dándolle así unha nova dimensión.

Pero tamén dixen que era rompedora na forma, e iso é porque un escritor cos recursos de Suso de Toro atreveuse cunha forma de novela ben pouco usual e, ao meu entender, difícil: a novela dialogada. Tradicionalmente, a novela dialogada mistura elementos narrativos con recursos teatrais, creando unha nova forma na que o papel do narrador é pouco máis ca testemuñal. Bo exemplo son as novelas dialogadas de Galdós. Pero Suso de Toro aínda vai máis lonxe prescindindo por completo do papel do narrador. Son sempre os personaxes os que van desvelando a trama a través das súas conversas. E aínda engade un novo elemento para non caer na monotonía: o monólogo que, por momentos, é máis ben un monólogo interior.

A conversa do protagonista co seu pai, xa moribundo, é o eixo central do relato. Unha conversa que non é tal, pois o pai apenas cruza unha ducia de palabras con el en toda a novela. Ás veces, Ricardo Marzoa, que así se chama o protagonista, semella contarlle cousas que teñen que ver coa súa situación actual; noutros intres, máis ben semella reflexionar sobre a difícil relación mantida entre eles ao longo dos anos.

Manter a intriga nun relato destas características, no que o narrador, como queda dito, desaparece por completo, e convertir o relato nunha historia entretida que, ademais, deixa unha fonda pegada no lector, non está ao alcance de calquera. Pero Suso de Toro é home de recursos e non só o consegue, senón que aparenta unha sinxeleza na exposición que, se analizamos un pouco, non é tal. Por iso é polo que saudamos o seu regreso á narrativa.

fora de siSuso de Toro
Fóra de si

 

Editorial: Xerais
223 páxinas