Concello de Tui e AFAGA poñen en marcha o programa Cuidand@-me

O Concello de Tui, a través dos Servizos Sociais Comunitarios, e AFAGA, a Asociación de Familiares de Alzheimer e outras demencias de Galicia, organizan o programa psicoeducativo para coidadores familiares de persoas dependentes ou con discapacidade «Cuidand@-me» que se desenvolverá entre os meses de maio e novembro cun total de 24 sesións os luns de 11 h a 12:30 h no Centro Sociocomunitario de Tui.

O curso ofertará un total de quince prazas e, unha vez cubertas, elaborarase unha lista de agarda.

Este programa forma parte das accións desenvolvidas dende os Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Tui no marco do convenio asinado con AFAGA. Vai dirixido á poboación en xeral, pero terán prioridade aquelas persoas que teñan familiares dependentes e/ou con discapacidade e necesidade dunha terceira persoa. Os interesados deberán presentar o modelo oficial de solicitude por rexistro de entrada na casa do concello até o venres 20 de abril.

O programa Cuidand@-me busca ofrecer unha atención integral aos coidadores familiares para previr ou minimizar as consecuencias que ten na súa propia saúde as atencións continuadas a un familiar maior con dependencia.

Empregando unha metodoloxía grupal informarase e formarase aos participantes, apoiándoos emocionalmente e promocionando momentos de descanso activo e relación social con outras persoas na mesma situación.

En concreto ao longo das 24 sesións do programa, e estruturadas en catro áreas Saber e Coñecer, Autocoidado, Eficacia para o día a día, e Emocionario, abordaranse as patoloxías que causan dependencia nas persoas maiores, formarase aos participantes en técnicas sanitarias para previr riscos no domicilio e que poidan prestar actuación de atención directa de calidade. Tamén se orientará sobre os recursos que ofrece a comunidade para coidar a un familiar dependente, se promocionará o autocuidado do coidador familiar, se traballará en aspectos emocionais para asumir o rol de coidador,

Os interesados poden acadar máis información sobre Cuidand@-me nos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Tui, no 986 22 97 97ou no correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..