I Forum Transfronterizo

Preto de 300 deportistas participarán nunha nova edición da Regata Internacional do Miño

A Casa do Concello de Tui acolleu, na mañá de hoxe, a presentación da que será a décimo cuarta edición da Regata Internacional Copa presidenta da Deputación e XXXVIII Regata Miño Internacional, que terá lugar o vindeiro domingo, 14 de xaneiro e sairá dende Currás, Tomiño, para chegar ás instalacións do Club Remo do Miño en Tui.

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, quixo felicitar ao Club Remo do Miño, ─tamén como socio do Club e despois de ter sido membro durante un breve período da súa infancia─, “por ser capaz de manter a continuidade dun evento de grande beleza. Destacou neste senso que une a beleza do deporte coa beleza da natureza”.

Vázquez Padín, alcalde de Tui estaba acompañado, na presentación, por Andrés Urseira González, concelleiro de Deportes; José Luís Méndez García, presidente do Club Remo do Miño; así como José Prada Álvarez e Manuel Ángel González, vicepresidente e delegado do mesmo.

Andrés Urseira, concelleiro de Deportes, salientaba tamén “a lonxevidade deste evento deportivo que conseguiu consolidarse grazas ao bo facer do Club Remo do Miño, así como o gran número de participantes”. Asegurou que se trata dunha proba que serve unha vez máis como vehículo para dar a coñecer Tui fóra do noso entorno.

José Prada, vicepresidente do Club Remo do Miño, quixo mostrar a súa satisfacción ao cumprir coas expectativas para esta proba, sobre todo en canto a participación. Para este domingo están xa confirmados máis de 250 deportistas ea garda achegarse aos 300.

Tamén Manuel Ángel González, delegado do Club Remo do Miño, falou da participación e quixo destacar o gran número de participantes nas categorías femininas desta edición. Amais foi o encargado de explicar os aspectos máis técnicos dunha regata cunha distancia de 6 quilómetros e que terá saídas en liña en varias mangas dependendo das categorías.

Por último, José Luís Méndez, presidente do Club Remo do Miño, aproveitou para agradecer ao Concello a súa aposta por un deporte olímpico que se iniciou en Tui hai máis de 40 anos e por unha regata única na península Ibérica.
A regata terá a súa primeira saída ás 11:45 horas dende Currás e a entrega de trofeos nas instalacións do Club Remo do Miño está prevista para as 13 horas.