Patrimonio e a historia centran visitas guiadas de Tui no mes de decembro

Once visitas xerais sobre historia e patrimonio e outras máis temáticas, centran o programa de visitas culturais guiadas gratuítas que organiza o Concello de Tui para estemes de decembro. A primeira visita tiña lugar hoxe mesmo, 1 de decembro, ás 19:15 h, onde os visitantes puideron facer un percorrido que, partindo da Praza da Inmaculada, os levou a coñecer polo miúdo a «Cidade Historica» onde se abordou a evolución da cidade ao longo de 800 anos dende o urbanismo medieval, que marca o aspecto actual da cidade.

Tanto mañá sábado coma o domingo as visitas centraranse na época medieval. Mañá percorrido «As murallas medievais» realizarase un paseo murallas fernandinas do século XII, no que os asistentes poderán ver tanto o perímetro amurallado coma outros elementos configuradores da personalidade da cidade en moitos dos tramos. Xa o domingo a visita «Cidade medieval» permitirá recoñecer o trazado medieval que perdura dende o século XII até a actualidade con moitas das vivendas e edificios que marcan ese período histórico.

visitas guiadas murallas

A próxima cita será o martes 5 na que «As rúas gremiais» serán as protagonistas cun paseo pola rúas Cuenca, Entrefornos, San Telmo... que na Idade Media e até o século XIX mantiñan no seu nome as profesións dos distintos gremios.

O mércores 6 «O criptoxudaísmo en Tui» será o título da visita a realizar na que se poderá coñecer a presenza das familias xudeu conversas na cidade a partir do século XVII, a través das marcas de cruces e outros elementos que perduran en moitas vivendas. A «Arquitectura carceraria na cidade histórica», a «Comuna xudía medieval», «As prazas públicas da cidade histórica» e a « Cidade medieval» será obxectivo das visitas previstas para xoves, venres, sábado e domingo.

O programa de visitas guiadas que comezou o pasado mes de xuño concluirá o día 16 co percorrido «A arte e o Nadal en Tui» cun paseo que nos achegará a distintos elementos do patrimonio tudense vinculado as festas de Nadal.

Todas as visitas sairán ás 19.15h dende a Praza da Inmaculada e serán guiadas polo historiador tudense Suso Vila.