O triatleta tudense Gustavo Rodríguez comeza a súa preparación para o Ironman de Hawaii

Este venres1 de decembro, e co resto de triatletas integrantes do grupo de alto rendemento do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, o tudense Gustavo Rodríguez diríxese a Granada para comezar unha concentración de 21 días en Sierra Nevada, que será o punto de partida da tempada 2018, concentración na que tamén participarán Fernando Alarza, Joselyn Brea ou Antonio Serrat.

Gustavo Rodríguez, considerado un dos mellores triatletas nacionais de longa distancia, gañou 4 veces consecutivas o Tríatlon de Bilbao. Ademais, é o actual campión de España de Media Distancia e está a piques de iniciar o seu camiño cara á meca do Tríatlon. O seu obxectivo, chegar en 2019 a Hawaii para participar no Campionato do Mundo Ironman de Kona. Para iso serán dous anos percorrendo medio mundo, pasando por por Gales, Taiwan, Sudáfrica ou Portugal entre outros lugares.

Estar en Kona pasa por conseguir os puntos necesarios que lle permitan clasificarse para Hawaii, polo que a tempada 2018 implica disputar diferentes probas do circuíto Ironman. Ademais, non deixará de lado o calendario nacional, disputando probas como o Tríatlon de Bilbao, o Tríatlon de Pamplona ou o clasificatorio para o Mundial ITU de Longa Distancia que en 2019 dispútase en terras galegas, en Pontevedra.

Pero neste camiño non todo vai depender de duras xornadas de adestramentos, con dobres sesións diarias 7 días á semana, senón que o factor económico marcará tamén a senda. O financiamento privado de marcas e empresas que vexan en Gustavo Rodríguez e no tríatlon un gran escaparate tanto a nivel nacional como internacional dos seus produtos, será determinante para poder chegar a Kona.

Desta forma, Kona 2019 será un proxecto que marque a vida deportiva deste triatleta. Serán, en definitiva, máis de 500 días coa mente posta en Hawaii. É un proxecto ambicioso tanto a nivel deportivo como comunicativo que oxalá permita conseguir os recursos necesarios para poder loitar cos máis grandes do tríatlon mundial e no escenario máis mítico e con máis lenda do Tríatlon.