«A cidade barroca», primeira das visitas guiadas temáticas de Tui

Tui oferta 16 visitas guiadas temáticas durante os meses de novembro e decembro, continuando así os percorridos culturais gratuítos que se iniciaron no verán organizados polo Concello de Tui e nos que levan participado máis de tres mil persoas. A primeira cita será mañá sábado, 11 de novembro, coa visita titulada «A cidade barroca», con saída ás 19:15 horas dende a Praza da Inmaculada.

Durante sesenta minutos, en «A cidade barroca» se percorrerán os espazos que transformaron a cidade nos séculos XVI e XVIII coma o convento de San Francisco, o convento das Clarisas, a igrexa de San Telmo, ou o hospital de pobres e peregrinos no edificio que actualmente ocupa o Museo Diocesano.

A próxima fin de semana o sábado 18 realizarase a visita cultural «Arquitectura educativa en Tui» e o domingo 19 «A cidade histórica». Mentres que o título dos percorridos a última fin de semana de mes serán «A cidade burguesa do século XIX» e «As antigas fortificacións románicas».

No mes de decembro son un total de once as visitas que se van levar a cabo. O venres 1 «Cidade histórica», o sábado 2 «As murallas medievais», o domingo 3 «Cidade medieval», o martes 5 «As rúas gremiais da cidade», o mércores 6 «O criptoxudaísmo en Tui», o xoves 7 «Arquitectura carceraria na cidade histórica», o venres 8 «Comuna xudía medieval», o sábado 9 «As prazas públicas da cidade histórica», e o domingo 10 «Cidade medieval». Por último o venres 15 realizarase a visita «Cidade histórica» e a derradeira será o sábado 16 «A arte e o Nadal en Tui».

Todas as visitas sairán ás 19.15h dende a praza da Inmaculada e terán unha duración aproximada dunha hora.