«The Lazy Faithful», «O Manipulador» e «Funkente», na fin de semana de Tui

A Asociación Cultural Betún xa nos ten acostumados (ou mal acostumados, depende de por onde o miremos) a isto. A encher as fines de semana de boa música e de grupos máis que interesantes que, sen este tipo de inciativas, sería difícil que poideramos escoitar. Esta fin de semana achéganos, para mañá venres un dobre concerto de «The Lazy Faithful» e «O Manipulador» (22 h), mentres que o sábado será a quenda de «Funkente» (23 h). Un programa máis que atractivo para ter en conta.

«The Lazy Faithful» beben da psicodelia e do garaxe dos 60's, melodías atmosféricas e rifs potentes que nos lembran a «The Kinks» ou «The Seeds«. En «The Lazy Faithful» hai ritmos progresivos e solos elaborados, cancións e transicións máis longas que crean unha atmosfera única.

Despois de conquistar a público e prensa en Portugal e Galicia co seu último disco Bringer of a Good Time editado o pasado 31 de marzo, «The Lazy Faithful» parte á conquista de Europa, nunha xira dun mes, que pasa por España, Francia, Bélxica, Italia e Portugal.


«O Manipulador» xurdiu da decisión tomada por Manuel Molarinho, en 2010, de facer un proxecto musical só e de forma absolutamente independente. No estudo, é unha "One Man Band" experimental de baixo, pedais, loop station e voz que, musicalmente, é a expresión dunha identidade influenciada pola estética dalgunhas bandas de rock alternativo e a ética do "do it yourself".


O sábado, ás 23 horas e con entrada de balde para os socios e socias da Asociación Cultural Betún, chega «Funkente» que nesta ocasión trae consigo unha coidada selección das voces femininas máis emocionantes e orixinais do soulfunk da música afroamericana ...

Cando Aretha e outras mulleres fixeron que o soul traspasara as fonteiras dos EUA cara o resto do mundo xa tiñan un sendeiro marcado por artistas incipientes como Betty Davis, Nancy Wilson, Esther Phillips ... Estas voces menos coñecidas son as que exploraremos desta volta, como primeira parte dun dj set que rematará co contraste das novas damas do soulfunk contemporáneo como Macy Gray , Erikha Badu, etc...