Tui acolle, este sábado, o roteiro «Aloia Máxico, Mítico e Lendario»

Esta mañá foi presentado na sala de reunións do Concello de Tui o roteiro «Aloia Máxico, Mítico e Lendario», que forma parte dos Roteiros Literarios iniciativa do Servizo de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra e da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega.

A presentación correu a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Eurocidade, Miguel Ángel Capón, o concelleiro de Medio Ambiente, José Martínez Tato, o concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, o deputado de Cultura e Normalización Lingüística, Xosé Leal e a escritora Marta Dacosta en representación da AELG.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, quixo destacar na súa intervención a importancia de contar na cidade cun espazo medioambiental único como é o Parque Natural do Monte Aloia, e que Tui é un concello que nos distintos ámbitos urbanos e naturais “é todo literatura”.

Xosé Leal, deputado de Cultura e Normalización Lingüística, foi o encargado de explicar o obxectivo dunha iniciativa que quere ofrecer unha dobre visión, literaria e paisaxística, dos lugares nos que se desenvolven, tendo especial importancia no caso do Monte Aloia as lendas e a sabedoría popular. Amais puxo de manifesto que debe haber unha colaboración máxima cos concellos para que estas propostas se fagan realidade.
A escritora Marta Dacosta resaltou que dende a AELG hai tempo que levan a cabo propostas semellantes para ampliar o coñecemento sobre os escritores e escritoras en lingua galega e como ferramenta de normalización lingüística. Amais explicou que nos roteiros propostos hai sempre un espazo protagonista e están centrados nun autor ou obra, neste caso o encargado de guiar o roteiro será Víctor Vaqueiro, do que Marta Dacosta apuntaba que ten escrito unha guía sobre o Aloia Máxico.

Os roteiros son de balde, pero cómpre realizar unha inscrición previa. Os interesados en participar na proposta deste sábado deben contactar co Concello de Tui no 986 60 36 25. Hai dispoñible un total de 50 prazas, da que 44 estaban xa ocupadas esta mañá. Crearase amais unha lista de agarda de cubrirse todas a prazas, por se se produciran baixas.

O roteiro comezará este sábado, 16 de setembro, ás 11.30 h no aparcamento do Parque Natural do Monte Aloia preto das antenas, sendo guiado polo escritor Víctor Vaqueiro. Discorrerá pola capela de San Xián e o seu espazo adxacente, para baixar na procura da muralla, e visitar dous miradoiros, o do enxeñeiro Areses e o do castelo. Tamén inclúe a Cruz do Aloia que conmemorou o ano santo de 1900, que ofrece unha panorámica sobre o Baixo Miño e, finalmente a cama de San Xián, para terminar no mesmo punto que o do comezo. O percorrido relacionará as crenzas que relativas ao culto aos montes, os corpos santos, ou os santos hidróforos, así como os rituais levados a cabo en certos lugares do monte que teñen que ver coa pedra do sol e a pedra da auga.