Unha trintena de persoas forman parte dos voluntariado de Protección Civil de Tui

Unha trintena de persoas constitúen a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil que o pasado sábado celebrou asemblea extraordinaria para a súa reactivación. Polo momento de forma provisional terán a súa sede na nave municipal en Guillarei, a expensas de que sexa habilitada unha zona específica, segundo informa o concelleiro de Seguridade Cidadá, Antonio Castro Negro.

Na asemblea do pasado sábado procedeuse á baixa daqueles voluntarios que figuraban anteriormente e non querían continuar, e a dar de alta a novas incorporacións. Tamén se nomeou á nova xunta directiva formada por David Ferreira Álvarez, como presidente; Juan Manuel González Estévez, secretario; María Fernanda Abreu Estévez, tesoureira, e Nicolás Francisco Martínez Pazo, Alberto Solleiro Álvarez e Adolfo Pérez Paramos como vogais. Amais o xefe da Agrupación será Manuel Arca Caeiro, e o interlocutor con outras institucións o concelleiro de Seguridade, Antonio Castro Negro.

As funcións da Asociación de Voluntarios de Protección Civil de Tui serán prestar axuda en diversos eventos, acudir a accidentes baixo mando da Policía Local, excluíndo incendios onde non poderán actuar. O alcalde, Carlos Vázquez Padín, avanzou amais que de forma paralela foi adxudicado o Plan Municipal de Emerxencia.