Carlos Vázquez Padín: "nunca estivo no meu ánimo desobedecer unha resolución xudicial"

Carlos Vázquez Padín, alcalde de Tui Carlos Vázquez Padín, alcalde de Tui

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, manifestou hoxe "o máximo respecto e confianza na administración de xustiza", e sinalou que sempre buscou a máxima transparencia na súa xestión. Na súa comparecencia indicou que “non estivo nunca no meu ánimo desobedecer unha resolución xudicial” ao tempo que lamentou que “non estiven ben asesorado”.

O alcalde tudense indicou que ninguén lle advertiu que había risco de responsabilidade penal, algo do que non tivo coñecemento até a providencia do pasado 3 de setembro na que se impuña unha multa de 1.500 €, e se aludía a unha providencia anterior do 16 de xuño de 2017, que non figuraba no expediente e que xa advertía da posibilidade de responsabilidade penal cando Carlos Vázquez Padín ainda non era alcalde, "ninguén lle advertiu ao actual alcalde disto".

Vázquez Padín, insistiu que ata a providencia do 3 de setembro de 2018 "non tiña coñecemento da posible responsabilidade penal neste asunto" e explicou que durante varios meses "a súa actividade coma mandatario municipal estivo centrada, case en exclusiva, en atender aos veciños de Paramos e as consecuencias desta catástrofe".

O rexedor tamén afirmou que está a cumprir coa sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo nº1 de Pontevedra tras ordenar o precinto das instalacións da pirotecnia en Baldráns no mes de setembro, e presentar hai uns días neste xulgado o cronograma a seguir tanto para o desaloxo como para o derrubo parcial destas instalacións.

Precisamente sobre o desaloxo indicou que agarda a máxima colaboración da subdelegación do goberno, xa que nas instalacións de Baldráns hai tanto material da propia empresa coma o incautado nos almacéns ilegais tras a explosión do 23 de maio no barrio da Torre. Por último explicou que se vai readaptar o proxecto de derrubo que existía da pirotecnia, para dar cumprimento á sentenza.