As antigas xeracións de panadeiros e panadeiras de Tomiño, todas reunidas por primeira vez

Falar dos vellos tempos e tamén dos novos pero, sobre todo, verse e compartir un rato xuntos. Con este obxectivo este domingo 11 de marzo celebrouse en Tomiño o primeiro encontro de panadeiros e panadeiras e pasteleiros e pasteleiras de toda a localidade, no que participaron as primeiras xeracións de traballadores e traballadoras de todos os obradoiros do municipio, a maioría deles e delas agora xa xubilados.

Arredor de 25 persoas de entre 60 e 80 aos déronse cita no Candil de Tomiño para comer xuntos, recordar “anécdotas vellos e rememorar como funcionaba todo antes, hai anos, cando todo se facía a man”, conta Marcos Castro, terceira xeración de panadeiros de Camiño Novo e organizador desta xuntanza. A idea era “xuntalos porque algúns fai moitos anos que no se ven” e que pasaran un anaco entretido xuntos.

Aínda que moitos deles xa non están a traballar si que viviron de primeira man a evolución no funcionamento da panadaría e da pastelaría, onde pasaron de facer todo a man a utilizar máquinas ou de repartir o pan polas casas en burro a empregar coches e furgonetas, que fan o traballo máis rápido e cómodo. “Moitos deles viviron épocas duras, como a de posguerra, e aínda que tiñas un negocio daquela non sempre pagaban con cartos, as veces o cobro era en fariña que logo ti empregabas para facer máis pan”, explica Castro.