I Copa de Promoción da Liga Galega de Slálom no río da Pedra, Tomiño

O Club Deportivo Miño-Os Teixugos será o anfitrión, esta fin de semana, na «I Copa de Promoción da Liga Galega de Slálom» en augas bravas, que se celebrará este domingo 11 de marzo no río da Pedra, en Tomiño, a partir das 11:00 horas. Trátase da primeira proba das oito que conforman o calendario da liga galega de promoción de slálom e que se celebrarán ao longo do ano en Salvaterra, Mondariz, Ribadumia, Monforte ou Dumbría.

“Todos os equipos tentamos organizar algunha proba para conseguir facer unha liga aberta”, salienta Pablo Pousa, presidente do Club Deportivo Miño-Os Teixugos. O equipo colaborará tamén en setembro na organización da Regata Internacional «Ponte da Amizade», que reúne cada ano a máis de 400 palistas en Vila Nova de Cerveira.

Nesta ocasión o club de piragüismo tomiñés participará nesta proba con 12 deportistas das categorías infantil e alevín en K1, C1 e C2. A organización espera que arredor de 100 piragüistas de Galicia e Portugal acudan a esta cita en Tomiño.

O Club Deportivo Miño-Os Teixugos leva dende o ano 1998 dedicándose ao piragüismo de augas bravas. As e os deportistas que adestran no club comezaron o ano con importantes vitorias, como as 12 medallas na «IX Taça Ibérica de Slálom», da que formaron parte como organización, ou os 15 podios na «II Copa Galega de Slálom celebrada en Salvaterra» en distintas categorías.