Sandra González: “O inicio dun cambio real da sociedade é a Educación”

Cando alá por xuño de 2015, recen iniciada a andaina deste xornal, entrevistábamos a Sandra González, diciamos daquela que era una muller “que non esquiva ningunha pregunta nin decora as súas respostas”. Hoxe, case que tres anos despois, Sandra González segue a dicir o que pensa.

Tiñamos a intención de falar dos grandes proxectos nos que Tomiño está involucrado ─circunvalación do Seixo, nova biblioteca pública, ponte peonil Cerveira-Tomiño─ pero decatámonos que a Sandra González, o que en verdade lle apaixona son eses outros proxectos que, con menos soa nos medios de comunicación, son moi importantes para a vida cotiá dos veciños e veciñas.

Tres lexislaturas de goberno, as dúas últimas con maioría absoluta... non se corre o risco de caer nunha especie de autocomplacencia?
En absoluto. Para min é totalmente ao contrario. Cando sentes o peso das miles de persoas que te apoiaron, a min, persoalmente, multiplícaseme a responsabilidade. Sinto o peso desa responsabilidade ao pensar que esas persoas confiaron en min, no meu equipo e no noso proxecto e que, polo tanto, en ningún momento lles podemos fallar. Así que autocomplacencia, ningunha.

"Hai proxectos que poden parecer máis pequenos pero que teñen unha extraordinaria importancia para a vida diaria da xente"

Nun concello por moitos proxectos que se desenvolvan, sempre quedan cousas por facer
Por suposto. (Rise) O que máis temos son ideas. Logo hai que facer un listado, prorizar e posibilizar, porque nós tamén iniciamos proxectos que temos que retirar porque dicimos "isto non se pode facer agora" ou "hai que esperar" xa que ao mellor, nese momento, é imposible por temas de orzamento. Nós abrimos moitos proxectos, petamos en moitas portas porque, por experiencia, sabemos que hai unha porcentaxe de fracaso.

Colaboración das demais administracións?
Ben. Depende. A Deputación, por exemplo, estableceu un sistema xusto que lle da a cada un o que lle corresponde e iso é indiscutible.

Antes non era así?
Non. Por desgraza, antes non era así e iso hai que dicilo. Antes había eses «fondos reservados» para presidencia que permitían que, de maneira arbitraria, se investiran nun concello ou noutro. Gustaríanos que a Xunta de Galicia fixera o mesmo. En todo caso teño que dicir que cando son proxectos incuestionables, como por exemplo, apoiar a reforma do mercado ou apoiar a variante ou incluso a biblioteca, é dicir, cando os proxectos son bos, conséguese acadar un compromiso por parte Xunta. Costa máis pola cor política, pero ao final, pode que tamén por tozudez, conseguimos ese apoio.

Ou sexa que cando os proxectos son bos atenúase a cor política?
(Sonrí) Lixeiramente. Só lixeiramente. Hai que traballalo moito.

Dicía vostede que traballan vostedes con dúas clases de proxectos
Si, porque un Goberno local ten que ser capaz de xestionar tanto os de longo prazo, ─como a variante, biblioteca ou a ponte peonil, que está a anos vista porque ten unha tramitación internacional─ e os de curto prazo, ‘os do ano’, que poden parecer máis pequenos pero que teñen unha extraordinaria importancia para a vida diaria da xente, como a reforma dunha rúa, unha praza, reformas como a do Mercado de Goián, obras de saneamento...
Pero ademais destes proxectos de longo e curto prazo, o que realmente nos identifica é que temos unha maneira diferente de facelos. Para calquera proxecto, contamos sempre coa participación dos veciños e veciñas. Imos polas parroquias, escoitamos as queixas e as demandas da veciñanza e logo as metemos nos presupostos e intentamos resolvelas.

Que non sempre se pode, supoño
Evidentemente. Pero cando non podemos resolvelas, dicímoslle claramente á xente porqué non podemos facelo. A veciñanza ten dereito a saber todo o que pasa e porqué pasa. Para proxectos como o Mercado de Abastos ou a Biblioteca, contamos con grupos de debate e opinión que nos permiten saber que opina a xente e, o que é máis importante, saber que o que realmente quere a veciñanza.

E a xente participa?
Pois nas reunións sobre como tiña que ser a biblioteca e que tipo de biblioteca quería a veciñanza, participaron máis de 320 persoas. Representantes das asociacións, representantes da comunidade educativa, de mestres, alumnos e despois, o deixamos aberto para todo aquel que estea interesados nun tema tan importante como é unha biblioteca. E aí, a título individual, tamén se presentou bastante xente que dicía "eu quero participar, porque me interesa, porque sei algo disto ou, simplemente, porque quero aportar algo".

Ou sexa que si é posible consultar á opinión pública?
Eu penso que si. De feito nós así o facemos. Non é preciso facer un referendum, tan de moda nestes días, pero si que se pode consultar á xente.
Creo, polo tanto, que si é posible gobernar coa participación dos veciños e veciñas e nós, de feito, demos un paso máis alá e constituímos tamén o consello Municipal da Adolescencia e a Infancia, no que queremos que nenos, nenas e adolescentes nos axuden a gobernar.

“Os nenos e nenas non son só os cidadáns do futuro, senón tamén os cidadáns do presente”

Así de claro
Así de claro. Tan claro que na primeira xuntanza lles dixemos "queremos que nos axudedes a gobernar" e o facemos dende o convencemento de que os nenos e nenas non son só os cidadáns do futuro, senón tamén os cidadáns do presente. Estamos vendo como o artellamos, pero queremos que nos axuden e nos asesoren cando se trate de temas que lles afectan a eles directamente.

Son participativos? Implícanse?
Moito. Sempre pensamos que a mocidade «pasa» e que non é participativa, pero creo que se lles das realmente a posibilidade de expresar as súas opinións e participar, participan. O que teño claro é que o que non admiten son simulacros.

As decisións que se adopten neste Consello serían logo levadas a cabo?
Para iso é o Consello. De feito, na primeira reunión que tivo lugar xa este ano, eles plasmaron algúns proxectos. Uns poderán levarse a cabo, outros non, e haberá que falalo con eles. Tamén nos interesa que o Consello da Infancia e a Adolescencia poida estar presente, para dar a súa opinión, noutro proxectos...sandra gonzalez 02

Achegan outro punto de vista?
Totalmente distinto. Ademais unha cousa que di Tonucci que é unha verdade absoluta é e que "un espazo público que é bo para un neno e unha nena, é un espazo público de gran calidade para todos e todas". Isto é incuestionable.
As veces, sen darnos conta, estámoslles impoñendo unhas normas para o seu espazo, que a meirande parte das veces non é o que eles queren. Hai unha viñeta moi boa de Tonucci, na que uns pais están sentados nun banco mirando o parque e un neno di "creo que este banco tería que estar ao revés". Os nenos e nenas necesitan liberdade, ter un espazo para estar eles, interactuando, «xogando á vida» e aprendendo sen estar sempre vixiados polas nais e pais titorizando os seus comportamentos.

Para vostedes a infancia e a educación, é unha das prioridades?
Sen ningún tipo de dúbida. Levamos moito tempo traballando moitísimo no tema da educación e o facemos dende o noso convencemento de que hai que apoiar a educación pública, e o facemos a través de axudas de material escolar, axudas para actividades extraescolares gratuítas, apoio psicolóxico, programas específicos para previr o abandono escolar, etc, estamos convencidos de que, con estas actuacións, ademais de outras como poden ser as reformas nos colexios, contribuímos a reforzar a educación pública.

Como o programa «É aprender»?
Exacto. Toda a xente que viches entrando, (o certo é que mentres agardabamos pola entrevista, fora había un «desfile» constante de nais e pais) participa no programa «É aprender» un programa que trata de previr o abandono escolar, que axuda aos rapaces a ir mellor no cole. Non son clases particulares (aclara rapidamente), senón que se trata de traballar no apoio psicolóxico, social, familiar, etc. Durante tres semanas todas as nais e pais de «É aprender» ─que son case que sesenta─, están vindo ao concello para entrevistarse coa educadora que leva o programa e falar da evolución dos seus fillos e fillas. Repito que, para nós, a educación ten unha extraordinaria importancia e prestámoslle a máxima atención posible.

Ademais destas ‘pequenas cousas’ que son as que inciden no día a día das familias, as de proximidade, tamén visibilizamos a educación, dende todos os seus aspectos, cun importante foro de debate.

A Semana da Educación
Si. A Semana da Educación que é toda unha referencia, como o demostra o feito de que ven xente de toda a comarca e de todo o sur de Pontevedra. O que queremos facer coa Semana da Educación e, simplemente, amosar a punta do iceberg, a punta que visibilice todo o que nos estamos facendo en educación e dedicarnos toda unha semana a falar sobre a importancia da educación.
Tivemos e temos relatores de renombre a nivel estatal. Por exemplo, o pasado ano estivo participando nestas xornadas David Bueno, un dos principais investigadores europeos sobre a neurociencia e como aplicala á educación. Pois como no caso de David Bueno, sempre temos xente moi importante que garanten que as persoas que veñen a participar na semana da educación, saen encantadas.

“O inicio dun cambio real da sociedade é a educación. Sempre. E nós, como Concello, non temos competencias nesa materia, pero si podemos apoiar a fantástica educación pública que temos”

Todo isto convencemento que a maioría dos chamados males sociais, resólvense dende a escola?
Sen dúbida. Ese convencemento é o que nos fai traballar moi intensamente nestes tres anos, aínda a sabendas que non vai a ter froitos ata dentro de dez. Nós posiblemente non estaremos aquí cando dea os froitos, pero queremos deixar esa pegada educativa. Porque, non o esquezamos, o inicio dun cambio real da sociedade é a educación. Sempre. E nós, como Concello, non temos competencias nesa materia, pero si podemos apoiar a fantástica educación pública que temos e poñer en valor o traballo dos profesores e profesoras, darlle o noso apoio.
E hai moitos xeitos de facelo, por exemplo tendo os colexios nas mellores condicións posibles, reformas de patios, acondicionamento de bibliotecas, pintados, etc... E logo apoiando con outras iniciativas como as actividades extraescolares gratuítas...

Gratuitas?
Absolutamente gratuítas. Todos os nenos e nenas de Tomiño teñen acceso a actividades extraescolares gratuítas, todos. Porque en todos os coles, e no instituto e no CRA, sempre hai unha ou dúas actividades extraescolares de balde. O que buscamos é que ningún neno ou nenas teña que deixar de ir a unha actividade por problemas económicos.
O apoio ao Ensino público tamén demóstrase en iniciativas como a de que, cada inicio de curso, máis de oitenta familias reciben un reforzo económico extra para material escolar que, sumado ao da xunta, permítelles que os seus fillos e fillas comecen o curso escolar de xeito máis desafogado.
O Concello, por poñer outro exemplo, ten contratada unha psicóloga durante todo o ano que traballa con nenos e nenas que o precisen, dende o instituto ata os últimos cursos da ESO. Dáme moita rabia que estas cousas que facemos non se miren, e que se miren proxectos como o da ponte peonil. Pero creo que o importante da sociedade é a educación.

Xa nos «grandes proxectos», cales son os prioritarios para este ano?
Comezar a variante e a biblioteca. Non te podería dicir cal dos dous é máis importante. Moito máis preto está a variante porque xa está nunha fase moi avanzada.

O da variante foi un proceso complexo...
(Asinte) Moi complexo. O que pasa que nos temos a costume, (sorrí) mala ou boa segundo como se mire, de non saír nos medios antes de ter as cousas máis ou menos atadas, pero isto foi un proceso no que se levan máis de tres anos traballando nel. É o que está ‘máis maduro’ porque está a piques de comezarse, de feito esperamos que no verán poidamos comezar xa.

E un proxecto importante para toda a veciñanza
Si, porque permítenos facer un crecemento ordenado no casco urbano do Seixo e tamén poder facer espazos máis para as persoas e menos para os coches, pero tamén é certo que hai que buscar unha alternativa aos coches. O que non se pode tampouco é humanizar e non saber que facer cos vehículos. Así que, primeiro, imos con esa solución intermedia que considero moi boa, porque permite a ordenación do concello e foi dos poucos convenios firmados a tres bandas, pola Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Concello PP, PSOE e BNG

A biblioteca estaría máis atrasada?
Si. Está un pouco máis verde porque aínda que temos parte do financiamento, faltaríanos outra, hai que ter en conta que estamos falando dun investimento de 1.800.000 euros.

Unha biblioteca espectacular? a definiría así?
(Pensa) Máis que espectacular que tamén o é, eu diría moi funcional. Como dicía antes, o primeiro que fixemos foi falar con toda a xente, durante seis meses. Miráronse outras bibliotecas, veu xente especialista doutras bibliotecas premiadas a Tomiño para falar coa veciñanza e, con iso, sacamos unhas conclusións que se pasaron ao arquitecto e o arquitecto tivo que adaptarse ao proxecto social, non ao revés. Non queremos que pase que o arquitecto faga unha obra marabillosa, que normalmente o son, pero que logo non sexa útil ou non sabemos para que serven estes espazos... (rise) como a Cidade da Cultura entre outros.
E unha obra dimensionada ás necesidades de Tomiño que xa somos un pobo de 14.000 habitantes, un pobo grande, un pobo con moitísima mocidade e non queremos unha biblioteca que sexa un ‘contenedor de libros’, senón que queremos un espazo dinámico, cultural, onde vai estar a CeMIT, onde vai haber ordenadores, ludoteca, hemeroteca... un espazo áxil, non a biblioteca ao uso.

“Non queremos unha biblioteca que sexa un «contenedor de libros», senón que queremos un espazo dinámico”

Algo que non sorprende porque tampouco é que teñan vostedes un mercado de abastos precisamente ao uso...
Tampouco. Pero funciona moi ben e iso que aí, nese tema, fomos un pouco arriscados porque era un concepto novidoso.

Énchelles de orgullo o mercado de Tomiño sexa referencia dentro de fora de Galicia?
Por suposto. De feito estamos indo a varios sitios que nos reclaman para falar do noso mercado e a propia secretaria xeral de Comercio da Xunta, ponnos sempre como exemplo. Non foi unha obra faraónica, nin excesivamente cara, pero unha vez máis fixemos o que xa é habitual en nós... xuntámonos con todo o mundo, xuntámonos durante meses con veciños e veciñas, praceiros e formulabamos a pregunta: que mercado necesita Tomiño? e desas reunións saíron as conclusións e desas conclusións os arquitectos volveron a facer o que quería a xente.

E por iso funcionou como funciona...
E que é o único xeito de facelo. A xente demandaba un punto de encontro, Tomiño non o tiña, pouco a pouco fómoslle dando forma e o mercado, a súa vez, foi dándolle forma ao seu entorno e transformándoo pouco a pouco.

Despedímonos. Sandra González acompáñanos ata a porta. Fora seguen entrando e saíndo nais e pais do proxecto ‘É aprender’ un dos moitos proxectos pioneiros que desenvolve un Concello que ten moi claro que para medrar, hai que saber cales son os obxectivos a conseguir e ter en conta a opinión da veciñanza.