Tomiño prepárase para o seu «Venres de Foliada»

O Concello de Tomiño vén de publicar as bases para participar no seu tradicional desfile de comparsas do entroido, o «Venres de Foliada», que este ano se celebrará o vindeiro 9 de febreiro ás 21.30 horas. En caso de choiva o desfile trasladarase ao venres 16 de febreiro á mesma hora e, no caso de que ese día persistira o mal tempo, a Concellería de Cultura determinará se se apraza ou se cancela.

A maiores do «Venres de Foliada», ese fin de semana Goián tamén terá a súa propia celebración do entroido dende o sábado 10 ata o martes 13 de febreiro. Durante catro días veciños, veciñas e visitantes poderán gozar de actividades como o Desfile dos Nenos, a Carreira de Carretillas ou o seu tradicional desfile de carrozas, todo amenizado por unha ampla variedade musical para encher de color, alegría e diversión estas datas.

Inscrición
O prazo de inscrición das comparsas será do 22 ao 26 de febreiro, ambos os dous inclusive. Os interesados deberán entregar o impreso de solicitude no Rexistro Municipal xunto cun certificado de titularidade de conta do representante ou da comparsa e co seguro de responsabilidade civil. “Cada vez hai máis xente interesada en participar nunha actividade de lecer pero que serve tamén para dinamizar a economía e a hostelería local, con máis dun millar de persoas que veñen dende moitos puntos da provincia para disfrutar do noso desfile”, explica a concelleira de Cultura, Ana Cristina Martínez.

Co seu «Venres de Foliada», Tomiño arranca o entroido na comarca, xa que é o primeiro dos desfiles de comparsas que se celebran durante esas datas no Baixo Miño. O ano pasado participaron 20 comparsas, a metade delas con máis de 80 integrantes, e dúas treboadas que ían abrindo o desfile. En total, máis de 1.300 persoas percorreron as rúas do casco urbano, tinguindo de luz e cor a localidade. O ano pasado participaron comparsas de Vigo, Vincios, Mos, Salceda de Caselas, Nigrán e Marín, ademáis das máis importantes de Tomiño, como Ciclón, Luces de Bohemia, Estrelas da Noite, Revolucion Show e Alecrin, comparsas que coas súas carrozas e espectáculos gañan concursos por toda a provincia.

Dende o goberno municipal queren agradecer aos voluntarios de Protección Civil, á Policía Local e aos traballadores do concello a gran labor que desenvolven durante toda esa xornada para garantir a seguridade do desfile e que o público poida desfrutar do evento sen contratempos.

Requisitos
O desfile estará composto por un máximo de 20 comparsas, cada unha delas formada por un mínimo de 15 compoñentes. A participación está aberta a todas as asociacións veciñais, culturais, xuvenís, colexios... que presenten comparsa ou grupo, con preferencia ás que pertencen ao concello tomiñés.

Non se admitirán comparsas con cabalos e as carrozas deberán ter un máximo de 8 metros de longo por 4,5 de alto e 3,5 de ancho. En caso de presentarse máis de 20 comparsas unha Comisión Técnica de Avaliación puntuará as comparsas atendendo a criterios como o número de compoñentes ou a descrición da comparsa, atendendo a súa temática, orixinalidade, posta en escena, iluminación e son, valores culturais e sociais...

O número de orde das comparsas no desfile será por rigoroso orde de chegada ao lugar de saída, na rúa situada ao lado do Colexio Pedro Caselles. As bases e solicitude do «Venres de Foliada 2018» pódense atopar nesta ligazón.