Tomiño e Cerveira preparan o seu primeiro Campus Deportivo

O concello de Tomiño e a Câmara de Vila Nova de Cerveira ultiman os preparativos do seu primeiro campus deportivo conxunto, que se celebrará o días 24, 25 e 26 de novembro en instalacións de ambos os dous concellos. Esta foi unha das actividades elixidas pola cidadanía dos dous municipios ao abeiro da primeira edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo.

A iniciativa naceu co obxectivo de educar en valores de tolerancia, cooperación, interculturalidade e respecto entre nenos e nenas dos dous concello e de fomentar o coñecemento cultural e social mutuo, o deporte saudable e a competitividade sen violencia.

O campus arrancará o venres 24 de novembro cunha cerimonia de apertura ás 16.30 horas (hora galega) no pavillón municipal do oncello cerveirense e con dous partidos de fútbol amigable entre dous equipos mixtos formados por adolescentes de Galicia e Portugal.

Ao día seguinte, 25 de novembro, o campus continuará cunha actividade de orientación en familia no Parque do Lazer Castelinho, en Cerveira, de 10:15 h a 12:00 horas. Xa pola tarde trasladarase ao concello tomiñés, que acollerá un campus de atletismo e unha exhibición de Calistenia na área deportiva de Mosteiro e outro de tenis de mesa no pavillón de Sobrada (de 16:30 h a 18:00 horas).

As actividades do domingo 26 estarán reservadas para facer en familia, con natación na piscina municipal de Vila Nova de Cerveira a partir das 11:00 horas e con pilates no pavillón de Goián de 12:30 h a 13:30 horas.

Ambas as dúas entidades repartiron máis de 1.500 volantinas coa ficha de inscrición nos distintos centros educativos para que a información chegara ao maior número posible de familias, que poderán escoller entre media ducia de actividades a realizar de forma gratuíta.

O Orzamento Participativo Transfronteirizo trátase dun proxecto pioneiro na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal incluído na Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira, proxecto cofinanciado ao 75% polo Programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.