Tomiño estrea novo céspede no campo de fútbol da Carballa

A pasada fin de semana inaugurouse o novo céspede do campo de fútbol da Carballa, unha obra que contou cun investimento de aproximadamente 140.000 €. Os traballos, realizados en 15 días, permitirán dar servizo ás actividades e eventos da nova tempada que comezou recentemente.

O da Carballa é o campo con maior afluencia de xogadores e xogadoras de todo o Concello de Tomiño, prestando servizo dende hai xa 10 anos, polo que a renovación do recinto era primordial para o bo desenvolvemento das actividades. Entre as categorías infantís de nenos e nenas e as categorías de adultos e senior, o campo de fútbol da Carballa é empregado por arredor de 23 equipos de fútbol e arredor de 240 persoas para os seus adestramentos, partidos internos e campionatos.

A aposta do Concello de Tomiño polo deporte continuará con outra obra de mellora do campo prevista para un futuro inmediato, na que se procederá á instalación dun rego subterráneo que permitirá aumentar a eficiencia do mesmo.