Maña ábrese a preinscrición de matrícula na nova escola infantil de Goián

Maña, 25 de febreiro, ábrese o prazo de preinscrición da nova escola infantil de Goián e o prazo permanecerá aberto ata o 26 de marzo. As familias interesadas poderán tramitar a preinscribición para nenos e nenas de ente 0 e 3 anos e o proceso de tramitación será o mesmo para as escolas infantís do Seixo e para a de Goián.

A nova escola infantil de Goián, ubicada na antiga casa do médico, rematou as obras de reforma e ampliación do inmoble no pasado outono. Estes días están finalizando a actuación de urbanización do entorno e que suporá que a rúa Camiño Vello no seu tramo entre a escola infantil e a praza de abastos pasará a incorporarse aos espazo público xerando un amplo entorno de preferencia peonil.

Co remate destas obras porase fin ao proxecto da nova escola infantil, abrindo as súas portas a á actividade educativa no mes de setembro. A instalación educativa ven a completar a oferta educativa pública para os máis miúdos, ampliando o número de familias que se beneficiarán deste servizo público.

A tramitación das preincricións farase na escola infantil do Seixo e é preciso aportar os documentos nacionais de identidade, libro de familia, certificado de empadroamento e declaración da renda familiar. As listaxes provisionais publicaranse o 3 de maio habilitando 10 días naturais para posibles reclamacións. As listaxes definitivas publicaranse o 30 de maio e o prazo de formalización de matricula poderá facerse do 1 ao 10 de xuño.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, mostrou a súa satisfacción pola pronta apertura da segunda escola infantil para Tomiño. Segundo González, “os veciños e veciñas de Tomiño terán acceso a un número importante de novas prazas públicas que revertirán na calidade e benestar das familias".

A alcaldesa salientou o feito de que Tomiño "consolídase como un concello con calidade de benestar que pode desfrutar de equipamentos públicos como son dúas escolas infantís, un centro de día, un centro de discapacitados e con programacións educativas e de inclusión social”.