Tomiño segue a vivir un Nadal cheo de actividades

Tomiño segue a gozar dun Nadal de conto e cheo de diversión, entretemento e ofertas de lecer pensadas para o público máis novo e para o desfrute destas datas en familia. Tras unha semana de obradoiros, contacontos e na que se recibiu a visita da Apalpadora, a programación de Nadal continúa esta fin de semana con dous espectáculos de música e teatro para todos os públicos e de balde para nenos e nenas.

O sábado 29, Migallas Teatro desembarca no Mercado Municipal de Tomiño (17:00 h) co seu espectáculo ‘Cantacontos’, unha innovadora proposta na que contos tradicionais e de creación propia se mesturan para ser recontados con cancións, música ou sons que contribúen a espertar emocións nos nenos e nenas. Son todas historias nas que se contan unha realidade próxima aos máis cativos e cativas, como poden ser o medo a escuridade, o afán de posuír xoguetes, as mascotas, os celos... Un espectáculo de humor que reflicte a realidade cotiá cunha coidada posta en escena e no que os nenos e nenas participan de forma activa. A actividade será de balde.

O domingo 30 os protagonistas serán ‘Os tres porquiños’. Educateatro Producións chega ao Auditorio de de Goián ás 18:00 h cun clásico da literatura infantil con toques de modernidade e chea de contidos educativos. Trátase dunha revisión da tradicional fábula adaptada ao novos tempos e que inclúe a dous novos membros, Xan e Xiana, dous exploradores moi afeccionados aos contos que entran no bosque para coñecer aos seus personaxes favoritos. Na súa viaxe, ademais de descubrir a historia, os tres porquiño bailarán ao ritmo de cancións cantadas en directo que buscan que os máis pequenos e pequenas reforcen coñecementos como os números, as cores ou as prendas de vestir. A obra, dirixida a nenos e nenas a partir de 2 anos, será de balde para os pequenos e pequenas e custará 3 euros para as persoas adultas. A venda de entradas será unha hora antes no despacho de billetes.

A concelleira de Cultura, Cristina Martínez, convida a todo o mundo a participar nestas actividade e anima a nenos, nenas e maiores "a gozar ao máximo posible dunha programación moi completa pensada para gozar en familia dunhas datas tan sinaladas".

Aninovo de lecer
A programación de Nadal continuará a vindeira semana coa Praza do Seixo coma punto de encontro. Os días 2, 3 e 4 de xaneiro nunha carpa situada diante da Casa do Concello os nenos e nenas a partir de 3 anos poderán subir a distintos inchables e participar no pintacaras e nos obradoiros organizados pola asociación Avelaíña, de A Guarda, para os que é preciso inscrición previa a través da web do Concello. Todas estas actividades son de balde e de 16:00 a 20:00 h.

O colofón final do Nadal será a tradicional Cabalgata de Reis, que sairá o vindeiro sábado 5 de xaneiro ás 16:30 h do Campo do Alivio. Carrozas e treboadas encherán as rúas de Tomiño de música e cor nun percorrido que rematará na Praza do Seixo coa recepción das Súas Maxestades aos nenos e nenas e música, reparto de agasallos e sorteo de tablets, bicicletas, patíns...