Tomiño celebra o día 23 o seu primeiro mercado creativo de Nadal

O Concello de Tomiño organiza o domingo 23 de decembro, en colaboración cos praceiros e praceiras do mercado municipal, o seu primeiro «Mercado Creativo de Nadal». Será na Praza do Seixo, entre as 11 h e as 21 horas. Neste mercado haberá postos de artesanía, ilustración, moda, arte, decoración e complementos, distribuídos nos soportais e arredores do mercado e na praza, diante do Concello.

Pero o mercado creativo de Nadal terá tamén unha compoñente lúdica e formativa importante, con varios obradoiros e talleres. O primeiro será o Obradoiro de elaboración dun menú semanal, de 12 h a 14 horas, impartido por unha nutricionista, no andar de abaixo. Seguiralle un Obradoiro infantil de galletas, de 12 h a 14 horas e de 16:30 h a 18:30 h, impartido tamén no andar de abaixo.

A parte máis lúdica chegará a este mercadiño creativo de Nadal da man do Apalpador, que visitará Tomiño de 17.00 h a 19.00 horas, movéndose polo Mercado e polo exterior, na Praza do Seixo. Ao medio día haberá vermú con petiscos, e concerto a cargo de Denis Carballás, de 12:30 h a 15:00 horas. A actuacion terá lugar no primeiro andar do mercado.