Mercado de Tomiño, primeiro de Galicia en obter o selo de excelencia da Xunta

O Mercado de Abastos de Tomiño, pioneiro en case que todo —por non dicir en todo— e referente dentro e fora das nosas fronteiras, vén de marcar un novo fito histórico ao converterse no primeiro mercado de abastos de todo o país galego en obter o selo de excelencia que outorga a Xunta de Galicia, distintivo que hoxe foi entregado á alcaldesa de Tomiño, Sandra González, polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.

O acto, presidido polo conselleiro e a alcaldesa de Tomiño, contou tamén coa asistencia da directora xeral de Comercio e Consumo, Sol María Vázquez Abeal; o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas López, ademais de concelleiros e representantes do Centro Comercial Aberto de Tomiño.

Conde sinalou que o selo de excelencia é un recoñecemento ao traballo colectivo, salientando "o esforzo das distintas partes implicadas". Así, apuntou que o Concello de Tomiño apostou por estas instalacións, contando co apoio da Xunta, e resaltou de xeito especial a implicación dos praceiros e praceiras, que “coa súa profesionalidade converten o mercado tomiñés nun emblema de calidade e excelencia”. Do mesmo xeito, subliñou o respaldo da cidadanía, que comprando no mercado día a día potencia un punto de encontro no que o comercio, a gastronomía e as actividades de ocio van da man, no que pemes e autónomos desenvolven a súa actividade de forma competitiva, creando riqueza e emprego. Francisco Conde anunciou que, para que máis mercados avancen neste camiño, o próximo ano, a Consellería de Economía, Emprego e Industria porá en marcha unha nova orde de axudas, na que os Mercados Excelentes terán preferencia.

“O mercado  de Tomiño acada o selo de Mercado Excelente pola súa resposta aos retos de modernización e innovación sen perder a súa autenticidade e tradición, así como pola proximidade e o trato personalizado”, explicou o conselleiro. Á hora de conceder este recoñecemento, a Xunta valorou catro grandes áreas: a imaxe do mercado, instalacións e accesibilidade; a organización, unidade de xestión e profesionalidade dos praceiros e praceiras; a atención ao cliente e a prestación de servizos, e a implicación e integración do mercado na vida social do concello.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, pola súa banda, agradeceu o traballo realizado "polos técnicos e praceiros e praceiras para conseguir que o mercado de Tomiño, obtivese o distintivo de excelencia, o que significou moitas horas de traballo e dedicación". A rexedora tivo tamén palabras de agradecemento para a Xunta de Galicia e para o seu equipo de Goberno, especialmente, para o concelleiro de Promoción Económica, Antonio Tartaglione, "cuxa labor influiu para conseguir este distintivo, o primeiro que se entrega en Galicia". Por último, González agradeceu o apoio decidido da cidadanía que vén comprar ao mercado habitualmente, "facendo desta infraestrutura e arredores un eixo vertebrador do municipio".

A alcaldesa comentou tamén que o mercado e a súa contorna son o mellor escaparate dos produtos de calidade da comarca, supoñendo ao mesmo tempo, un bo reclamo turístico, e mantendo a súa esencia: a calidade, a proximidade e unha oferta diversificada de produtos frescos de calidade.

A reforma, no ano 2014, supuxo un investimento de máis de 600.000 euros e tivo  coma obxectivo a dinamización da economía local a través da creación dun centro de comercio na localidade, que fora ao mesmo tempo polo de atracción para novos emprendedores e lugar de encontro para a veciñanza.