Tomiño celebra unha nova edición do certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández

Un ano máis, o Concello de Tomiño organiza o Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández. Unha cita cultural na que cada ano participan moitos artistas tanto da comarca coma chegados doutros puntos de Galicia, para pintar na contorna do Espazo Fortaleza e resto da parroquia de Goián. A cita desta sexta edición será o día domingo 19 de agosto e poden participar, de balde, todas as persoas que o desexen, a partir dos 18 anos de idade.

A inscrición, totalmente gratuíta, pode realizarse telematicamente nesta ligazón até o día venres 17 de agosto, ou ben, presencialmente, o mesmo día do certame, na Aula Antonio Fernández, de Goián (situada na Avenida Ordóñez, a carón da praza), entre as 9:30 e 11:30 horas.

O certame comezará entre ás 9:30 e as 11:30 horas do día 19 de agosto, na devandita aula-museo. Alí a organización procederá a selar e numerar os soportes das obras e dar as directrices precisas aos artistas participantes. O xurado, composto por personalidades vencelladas ao mundo das artes e membros das entidades patrocinadoras, reunirase a partir das 19 horas para emitir o seu fallo media hora despois. O certamen reparte tres premios, patrocinados polo Concello e pola Comunidade de Montes de Goián: un primeiro de 1.000 euros e un segundo e un terceiro de 500 euros cada un.

As obras premiadas e tamén as demais realizadas no certame, serán expostas no Mercado Municipal entre o 21 e o 31 de agosto, para que poidan ser visitadas por toda a veciñanza. Na pasada edición participaron 43 persoas que ocuparon para realizar a súa pintura, diversos enclaves da contorna de Goián, moitos deles preto da ribeira do Miño.

Dende o Concello de Tomiño valórase moi positivamente a alta participación no certame, pois a mesma interprétase "coma a consolidación dunha cita anual moi importante no ámbito da cultura". Para máis información, pódese consultar as bases do concurso na páxina web do Concello de Tomiño ou chamar ao Departamento de Cultura (986 62 20 01/03).