Oia recibe unha achega de máis de 6.000 euros do «Plan Concellos»

O Concello de Oia vén de recibir unha achega da Deputación de Pontevedra de máis de seis mil euros (6.026,03 €) que lle permitirán adquirir unha regadora manual de emulsión en frío e un remolque de aceiro galvanizado con carga de 750 quilogramos. A achega, aprobada a través dunha resolución presidencial, faise ao abeiro da liña 1 do «Plan Concellos 2017»

Anteriormente, o concello xa recibira, dentro desta mesma liña 1 de investimentos, 35.631,91 € para a recuperación do camiño de Liñares, outros 25.994,94 € para realizar o saneamento do camiño de Videira e a rehabilitación un lavadoiro en Vilar e outros 20.030,47 € para a ampliación do parque infantil de Mougás e o acondicionamento do acceso ao cemiterio municipal.

Asemade recibiu 6.590,91 € para a subministración de pezas para realizar un illamento acústico; 1.672,89 € para a adquisición de material informático e 161.961,90 € para unha actuación integral no camiño de Refoxos.

Doutra banda, e dentro da liña 2, Oia recibiu unha achega de 65.045,63 € para gastos correntes e, ademais, outros 94.434,08 € para a contratación de 12 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de emprego do Plan Concellos.

Coa suma desta nova axuda, Oia xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 96,4% do total do investimento que lle corresponde dentro do «Plan Concellos 2017», isto é, 418.196,03 € dun total de 433.637,55 €.