A Guarda presenta o proxecto da nova escola infantil municipal en Santiago

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba (no centro) e a concelleira de Servizos Sociais, Teresa Vicente, na reunión mantida esta mañá en Santiago de Compostela co xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez O alcalde da Guarda, Antonio Lomba (no centro) e a concelleira de Servizos Sociais, Teresa Vicente, na reunión mantida esta mañá en Santiago de Compostela co xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e a concelleira de Servizos Sociais, Teresa Vicente, reuníronse na mañá de hoxe en Santiago de Compostela co xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, co obxectivo de presentar o proxecto da nova escola infantil da Guarda e concretar a achega económica de cada administración. Rodríguez comprometeuse a incluír esta actuación nos orzamentos da Xunta de 2019.

En canto ás achegas que fará cada una das administracións, Perfecto Rodríguez estableceu un tope máximo na aportación da Xunta de Galicia “seguindo os parámetros marcados polo FEDER” (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) cos que se cofinancia a actuación. Así, co 70% aportado pola Xunta a través dos fondos europeos e o 30% financiado polo Concello, o proxecto suporá un investimento aproximado de 600.000 €.

Os representantes municipais amosaron, durante o encontro, o proxecto da nova escola infantil municipal, elaborado seguindo as pautas marcadas polos técnicos do Consorcio Galego e obligáronse a seguir traballando para achegar en breve unha proposta definitiva. A nova escola infantil municipal ocupará a planta baixa do edificio no que se atopaban as antigas vivendas do colexio Manuel Rodríguez Sinde e contará con 41 novas prazas para cativos e cativas de entre 0 e 3 anos. As obras de reforma comezarán, previsiblemente, o próximo ano.

Teresa Vicente e Antonio Lomba aproveitaron ó encontro para lembrar ao xerente do Consorcio Galego a súa petición de incluír a Escola Infantil Municipal da Guarda na Rede Galega de Escolas Infantís A Galiña Azul, una petición formulada, por primeira vez, en febreiro de 2016. Ao respecto, o xerente alegou que esta demanda non poderá ser atendida en tanto a regularización das aportacións municipais que xa forman parte da rede non conclúa. Antonio Lomba subliñou a necesidade de axilizar o proceso de regularización, para que o Consorcio Galego poda incorporar novas escolas.