a guarda 2019

Luis Bará: "o aforro galego debe reverter no tecido produtivo do país"

O candidato de BNG-Nós pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, sinalou hoxe no mítin de A Guarda que "o aforro galego debe reverter no tecido produtivo do país para xerar riqueza e emprego". Destacou a necesidade de asumir competencias financeiras dende Galiza creando unha banca pública galega ou un Instituto de Crédito e Investimento, e subliñou a importancia de revisar o modelo fiscal e aplicar medidas efectivas de loita contra a fraude e evasión fiscal.

Bará aproveitou a súa intervención no concello do Baixo Miño para afondar en medidas económicas para sacar a Galiza da crise. Sinalou que só o BNG será quen de defender as potencialidades do país para xerar riqueza e emprego, como xa o demostrou durante 20 anos no Congreso. Neste punto, non dubidou en asegurar que durante os últimos cinco meses o país estivo “ninguneado” tanto polas vellas como polas chamadas novas forzas políticas, que non tiveron en conta as necesidades e intereses “do noso pobo” á hora das negociacións.

O cabeza de lista tamén fixo referencia á situación da pesca no concello de A Guarda, que como a do resto de Galiza vén marcada por políticas e decisións tomadas en Madrid e Bruxelas que teñen marcado ao sector negativamente. Bará falou dos problemas das cotas ou dos descansos obrigatorios para os mariscadores, que nun porto en mar aberto como o local supoñen unha eiva clara ao estar tamén condicionados polo mal tempo. Destacou, así mesmo, que as administracións deben favorecer sinerxias entre confrarías para favorecer a comercialización dos produtos tendo en conta as peculiaridades de cada zona para incrementar a rendibilidade económica do traballo dos mariñeiros.

bara a guarda02

O nacionalista subliñou por último que a candidatura do BNG “quere coller da man a todas as mulleres e homes que nestes momentos dubidan sobre cal é a opción máis útil para cambiar as cousas”. “Na Galiza o máis útil é votar BNG, nun contexto sen maiorías absolutas porque nin o bipartidismo da esquerda, nin o da dereita estatais suman para conformar goberno”, salientou, para argumentar que a representación do Bloque ten dun dobre obxectivo: “deixar atrás ao PP e á dereita máis rancia e pór condicións ao novo goberno a favor dos galegos e das galegas”.

“Os e as deputadas do BNG son a inversión máis segura para todas as persoas que dubidan, porque non lles gustou o que viron estes cinco meses, porque están cansadas de ver como os que prometeron cambio só miran polos seus intereses de partido. A esas persoas dígolles que non queden na casa, que o 26X vaian a votar, que voten polo BNG que nunca vai xogar coas súa esperanzas nin fallarlles”, concluíu.