a guarda 2019

A «Historia da fábrica das Cachadas» abre as Barferencias do 2019 na Guarda

Este venres día 11 de xaneiro de 2019 o Bodegón Os Seixiños da Gándara acollerá, ás 20:30 horas, a primeira «Barferencia» do ano na Guarda, na que o historiador rosaleiro, Xoán Martínez Tamuxe, falará sobre a «Historia da Fábrica das Cachadas». Esta sera a terceira Barferencia do ciclo 2018-19 e nela as e os asistentes poderán coñecer un pouco máis sobre a historia desta empresa e do traballo alí realizado dende os seus comezos ata a actualidade.

No lugar das Cachadas hai referencias a distintas telleiras, entre elas a telleira de Lomba, documentada xa en 1808. Tempo despois a fábrica orienta a súa produción cara a fabricación de materiais refractarios destinados á industria química e eléctrica. A calidade dos produtos elaborados mereceu distintos recoñecementos rexionais, nacionais e internacionais.

O 7 de agosto de 1954 rematou a construción da cheminea das Cachadas. A base cadrada realizárona albaneis da localidade mentres que para o resto contratouse a Cabo de Salceda quen cobrou polos traballos 68.910,10 pts. Na súa construción, que acada os 60 metros de altura, empregáronse 44.036 ladrillos elaborados na propia fábrica cun peso de 140.130 kg.

As Barferencias continuarán o 1 de febreiro no bar O Couto de Camposancos, cunha charla sobre o «Barrio de Mergelina, un modelo de restauración arqueolóxica» a cargo de Luis Francisco López González e o 15 de marzo na Cafetería Marbella cunha charla sobre «Castelo de Santa Cruz: 350 anos do fin da Guerra da Restauración na Guarda, a cargo de Rebeca Blanco Rotea.