A Guarda instala novos puntos de recollida de aceite usado

A Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda ven de instalar novos puntos de recollida de aceite de cociña usado dentro dunha campaña para evitar que este tipo de aceites, altamente contaminantes, se vertan a rede de saneamento, contribuíndo ao medio ambiente e favorecendo a reciclaxe destes materiais para xerar biodiesel, facendo fincapé na economía circular.

Os novos puntos de recollida atópanse en diferentes espazos públicos do municipio en illas ecolóxicas onde tamén se sitúan contedores de lixo orgánico, cartón, vidrio ou plásticos.

Un litro de aceite de cociña pode contaminar ata mil litros de auga, a súa acumulación en desaugadoiros e tuberias facilita a obstrución de condutos e a proliferación de colonias de roedores, tanto nos condutos privados coma públicos. Os aceites vexetais usados que chegan aos ríos, acumúlanse na superficie e impiden o paso da luz solar e do osíxeno, aumentando a mortaldade da flora e da fauna acuática.

O Concello da Guarda ven de incrementar notablemente a recollida de aceites usados, pasando de 3.430 litros recollidos no ano 2014 a 4.325 litros no ano 2016 e tendo unha previsión para rematar o presente ano 2018 cun dato preto aos 5.500 litros, só de uso doméstico, un dato que non sería posible sen a colaboración dos veciños, o que implicou este incremento de puntos de recollida.

Dende a Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda se van dando os pasos para cumprir a directiva europea 2020 de 50% de reciclaxe.