A Guarda promove a utilización da compostaxe doméstica

O Concello da Guarda ven de adherirse un ano máis á Campaña promovida dende Sogama e a Xunta de Galicia para facilitar a compostaxe doméstica cunha nova entrega de 50 composteiros individuais entre a poboación. Deste xeito o Goberno que preside Antonio Lomba reafírmase na súa aposta pola compostaxe. Entre o ano 2014 e 2017 o Concello da Guarda ten entregado xa máis de 170 composteiros individuais o que fai neste ano 2018 un total de 220 composteiros.

Cada galego produce unha media de 1.05 quilos de residuos ao día, na Guarda é un 0.780 quilos ao día, dos cales máis do 40% do lixo que se xera nos fogares é materia orgánica, cuxo destino habitual son os contedores verdes convencionais. Neste intre o Concello da Guarda está moi por riba da media en canto a reciclaxe, sendo un dos concellos que máis recicla de toda Galicia, froito do traballo de concienciación realizado dende a Concellería de Medio Ambiente e a implicación dos veciños e veciñas da vila.

En determinados ámbitos existe a posibilidade de transformar esta materia orgánica en compost, un fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo. Neste programa os participantes poden fabricar o seu propio compost, contribuíndo a:

• Reducir a cantidade dos residuos producidos mediante a reciclaxe da materia orgánica.
• Minimizar o excesivo uso de fertilizantes químicos
• Diminuír a frecuencia de recollida dos contedores xenéricos por parte dos servizos municipais.
• Minorar o número de desprazamentos que os habitantes do rural deben realizar aos contedores.

Todos os participantes neste programa reciben gratuitamente o seu composteiro e un manual de compostaxe doméstica cunha guía sobre a compostaxe doméstica e a recollida selectiva de residuos. Os interesados e interesadas poden solicitar o seu composteiro, ata fin de existencias, chamando ao 986 61 0000 e contactando co departamento de Medio Ambiente.

Ademais o Concello da Guarda ven de adherirse ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, un programa que permitirá converter en compost parte dos residuos orgánicos que se xeran na Guarda grazas á futura instalación de composteiros comunitarios. Nunha primeira fase instalaranse composteiros individuais.